RESEÑA DA PRESENTACIÓN DO LIBRO “CEREIXAS ROUBADAS” DO COLECTIVO COMADRES DAS LETRAS. CASA DA CULTURA DE VILALBA, VENRES 23/05/25.

No marco das celebracións do Mes das Letras Galegas, onte venres 23 de maio, na Casa da Cultura de Vilalba, tivo lugar a presentación do libro “Cereixas Roubadas”, unha obra colectiva do grupo de escritoras Comadres das Letras. O acto, organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, comezou coa intervención da presentadora Sabela Figueira, vicepresidenta, quen fixo unha enérxica e necesaria mención á tráxica situación que se vive actualmente en Gaza, lamentando a pasividade internacional ante tanta barbarie.

A continuación, comentou a finalidade do acto e, tras presentalas, deu paso ás catro integrantes do colectivo que participaron no mesmo: Isabel Cribeiro, Ana Barja, Marisa de Corme e Eva Teixeiro. As autoras compartiron co público o espírito que anima ao colectivo Comadres das Letras, un grupo vivo e en crecemento que aposta pola escrita colaborativa como ferramenta de creación e irmandade.

Durante a súa intervención, as Comadres foron alternándose para falarnos de distintos aspectos relacionados co grupo: da importancia que tiveron os obradoiros literarios dirixidos por Eli Ríos; doutras publicacións previas como “Contármonos”; do carácter singular do seu proceso creativo: en “Cereixas Roubadas”, cada poema remata cun verso que serve de inicio para o seguinte, nun xogo de eco e continuidade que reforza a idea de tecer xuntas a palabra, a xeito, explicaron, de renga: forma tradicional da poesía xaponesa colaborativa.

Houbo, por suposto, mencións sentidas á figura de Luísa Villalta, celebrando a súa polifacética traxectoria artística, e tamén á autora do limiar do libro, Marta Doval. Comentouse, ademais, a simboloxía da foto da portada, protagonizada por cereixas, unha imaxe que resume o espírito do libro: palabras que se enguedellan unhas coas outras, como as cereixas nunha cesta.

A presentación rematou cun agasallo poético para o público: as autoras recitaron algúns poemas do libro, explicando ao mesmo tempo o seu proceso de creación, nun ambiente de intercambio coas persoas asistentes. Non faltou tampoco o agasallo material en forma de saborosas cereixas.

“Cereixas Roubadas” preséntase así como unha obra coral, profundamente feminina, que celebra a forza da palabra compartida e a beleza de escribir en comunidade.

Dende o IESCHA, queremos felicitar moi especialmente ás escritoras presentes, Isabel Cribeiro, Ana Barja, Marisa de Corme e Eva Teixeiro, polo seu traballo, compromiso e xenerosidade, así como ao conxunto do colectivo Comadres das Letras por esta fermosa achega á literatura galega. 

O noso agradecemento exténdese tamén ao Concello, pola colaboración, e ao público asistente, que soubo escoitar e participar activamente, facendo da presentación un espazo vivo (e circular) de diálogo arredor da palabra.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch/?v=588866793717746

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad