RESEÑA DA PRESENTACIÓN DO LIBRO DE CARLOS CALLÓN “VIDAS E HISTORIAS LGBT DA IDADE MEDIA”. 29-04-2025, CASA DA CULTURA (FOTOS E VIDEO)

Na noite deste martes 29 de abril, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, tivo lugar a presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, do que é autor Carlos Callón. 

A presentación correu a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, quen, á parte de falarnos da biografía, agradeceu a Carlos Callón a súa presenza, mostrándolle especial afecto e apoio despois da persecución e insultos recibidos a raíz da publicación do libro.

O autor, Carlos Callón, nunha intervención amena e ben documentada, lembrou os aspectos derivados do acoso que sufriu previamente (e xa citados por Marisa).

Comentou que cada capítulo da obra inicia cun texto literario, funcionando como pórtico simbólico, seguido dunha explicación que tenta orientar ao lector nas diversas dimensións históricas, culturais e sociais.

Carlos Callón falou do tesouro inesgotable e importantísimo que representa a literatura medieval, reivindicando a súa actualidade e riqueza. Referiuse aos prexuízos que durante séculos ocultaron realidades diversas, e puxo como exemplo as Cantigas de Santa María, interesantísimas en múltiples facetas, que amosan a complexidade espiritual, artística e humana da época. Non faltaron tampouco referencias á figura de Alfonso X “O Sabio” ou a Don Dinis de Portugal.

Noutro momento da presentación, fixo mención á existencia de santos trans e á presenza da homosexualidade en documentos históricos, desmontando mitos e ofrecendo unha ollada renovadora, ousada e necesaria. Subliñou que o seu libro é unha escolma de historias e convidou ao público a descubrilas, a lelas con curiosidade e con espírito crítico.

A recta final da súa intervención estivo marcada por unha fonda sensibilidade: evocou a figura do poeta Fermín Bouza Brey, do seu neotrobadorismo e da súa magnifica e comprometida poesía, rematando cunha anécdota que Bouza Brey tivo con Otero Pedrayo, gran amigo seu.

En resume, unha presentación lúcida e necesaria, cargada de matices e humanidade, daquelas que deixan pouso e dan que pensar. 

Dende o Iescha, agradecemos sinceramente a Carlos Callón, unha vez máis, a súa presenza nun acto do Iescha, e dámoslle os parabéns polo seu magnífico traballo.

Agradecemento que facemos extensivo ao Concello de Vilalba, pola cesión do local, e ao público asistente.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1718059485799951

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad