
Segundo palabras de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha: “A presentación dun libro sempre é un momento especial, tanto para quen escribe como para quen le”. Pois ben, no caso da novela “Os madrileños non sempre veñen en agosto, de Francisco García Novio, o evento que o Iescha programou para a noite deste venres 21 de marzo, na Casa da Cultura vilalbesa, foi un dese momentos especiais, unha celebración da literatura, da memoria e da lingua.
Marisa Barreiro, ademais, destacou a sensibilidade do autor para escribir e transmitir emocións, destacando que a obra non só está moi ben escrita, senón que tamén resulta entretida e creíble, un deses libros que “hai que ler”.
Manuel Castro Santamariña, vogal do Iescha, foi outro dos participantes na mesa, e compartiu co público a casualidade que o levou a descubrir esta historia: unha conversa fortuíta na consulta de García Novio, que rematou coa oportunidade de integrar a presentación desta novela na programación do IESCHA.
Santamariña reseñou tamén o que lle fixo especial ilusión: tanto o título como a naturalidade coa que a lingua galega está presente na obra. Como dixo, “todos temos o noso Macondo particular”, e este libro recrea un mundo moi próximo, cun ambiente maioritariamente rural e personaxes do común, descritos con gran precisión. A narración, chea de detalles e momentos da vida cotiá, engancha dende o primeiro momento.
Francisco García Novio, o autor da novela, expresou primeiramente o seu agradecemento ao Iescha (“unha agrupación multicultural que non hai en moitos sitios e á que Vilalba ten que estar moi agradecida”) e a moitas persoas próximas a el. Tras comentar a súa conexión persoal coa historia, confesou que para el escribir é unha forma de dar vida a experiencias reais e imaxinadas, e o maior premio é que a súa novela chegue ás mans dos lectores.
Explicou que a novela parte dun suceso real —un accidente vivido por dous amigos— e desenvólvese entre a realidade e a ficción. Durante a presentación, o autor debullou algúns dos temas centrais da obra: a amizade, o amor, a represión e as complexas relacións paterno-filiais. Todo isto nunha historia da que nos foi detallando os escenarios, os personaxes principais e secundarios e as escenas máis destacadas e que constrúen un relato fondamente humano.
O acto pechouse cun diálogo entre os membros da mesa, onde se puxo en valor a importancia da nosa lingua e a necesidade de falala sempre. A literatura en galego non só nos conta historias, senón que tamén fortalece a nosa identidade e comunidade.
En resume, un evento que deixou claro que esta novela merece ser lida, compartida e lembrada.
Dende o Iescha temos que agradecer a Francisco García Novio a súa presenza no acto e darlle os parabéns pola súa magnífica novela, desexando que continúe escribindo máis libros.
Agradecemento que facemos extensivo ao público asistente.
Ata a próxima!!!



















































VIDEO RESUME>>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1028354539346282