
O acto de presentación do libro-disco “O violín que trae o vento”, deste venres 28 de novembro, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, e a financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia da Depuatación de Lugo, resultou todo un éxito, cun público moi numeroso e entregado. A música e a palabra combináronse para dar vida ao traballo de Adrián Méndez, musicólogo e gaiteiro, que afondou coa súa investigación na memoria de Modesta Fernández López, a coñecida como “A Cega de Noceda”.
Durante o evento puidemos escoitar cantares de cego acompañados polos carteis que se ían despregando, o que fixo gozar a todos os presentes e trasladarnos por un momento ás feiras doutros tempos. A violinista Aldara Palmeiro, que ademais nos agasallou cunha voz impresionante, xogou un papel fundamental no proceso de investigación, apoiando a Adrián nos momentos máis complexos do camiño.
Adrián contou como se foi construíndo o proxecto, conversando con diferentes persoas e recompilando pouco a pouco datos e recordos. Tamén destacou a importancia das e dos músicos que interpretan as pezas accesibles nos códigos QR do libro, recollidas grazas á xenerosidade de quen compartiu a súa memoria musical. O propio Adrián interpretou unha das pezas coa súa gaita, emocionando ao público.
Adrián e Aldara forman parte do grupo “De Ninghures”, e na presentación acompañáronos tamén “As Cegas de Ouselle”, unha formación actual que recupera os cantos de cego. Levan o seu nome en homenaxe a un trío de mulleres que tocaban polas feiras nos anos 30. Hoxe o grupo está composto por Antón Castro (zanfona e voz), Aldara Palmeiro (violín e voz) e Miguel Lustres (acordeón e voz).
O público saíu visiblemente emocionado, e moitas persoas achegáronse ao remate para felicitar tanto ao autor como aos membros de As Cegas de Ouselle, agradecendo a oportunidade de vivir unha tarde tan especial.
Un libro que vén traído polo vento da memoria, e que nos lembra que a música é, ás veces, a máis fermosa forma de non esquecer.
O IESCHA quere expresar os seus máis sinceros agradecementos a todas as persoas que fixeron posible este acto: a Adrián Méndez polo seu extraordinario traballo, a Aldara Palmeiro polo seu talento e compromiso, ao grupo As Cegas de Ouselle pola súa marabillosa interpretación. Agradecemento que temos que facer extensivo a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, sen a que non sería posible este acto; ao Concello de Vilalba, pola súa colaboración, e a todo o público asistente pola súa participación e emoción compartida.
GALERÍA DE FOTOS DO ACTO



























VIDEO RESUME DO ACTO>>>
