RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “MEMORIAS DUN PORCO TEIXO”, DE XOSÉ MANUEL FELPETO CARBALLEIRA. CON MARISA BARREIRO. ORGANIZADO POLO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS. VENRES 8 DE MAIO DE 2026. CASA DA CULTURA DE VILALBA

Na tardiña deste venres 8 de maio, o Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba,  organizou o acto de presentación de Memorias dun porco teixo, o novo libro de Xosé Manuel Felpeto Carballeira, continuando así co compromiso de apoio á creación literaria en galego e ás persoas que, desde distintos ámbitos, contribúen a fortalecer a nosa lingua e a nosa cultura.

Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, foi a encargada de abrir o acto cunha breve e agarimosa presentación do autor, ao que definiu como unha persoa sempre disposta a colaborar, fondamente implicada no activismo cultural e social, apaixonada pola historia, a lingua, o teatro, a convivencia e o entendemento entre as persoas. Destacou tamén a súa participación en numerosas iniciativas culturais e de divulgación do territorio, así como a súa presenza en moita das actividades promovidas polo Iescha, que xa presentara anteriormente outras obras súas.

Durante a súa intervención, Marisa Barreiro aproveitou tamén para facer unha reflexión crítica arredor da recente retirada da bandeira de Palestina do Vello Cárcere de Lugo, reivindicando o papel da cultura como espazo de liberdade e compromiso.

Ao falar do libro, salientou o carácter accesible dunha obra composta por relatos independentes, que poden lerse en diferentes momentos e que combinan entretemento, fascinación e unha grande variedade de situacións e personaxes. A lectura de dous fragmentos permitiu ao público achegarse ao ton da obra antes de dar paso ao propio autor.

Xa na súa intervención, Xosé Manuel Felpeto comezou agradecendo ao Iescha a organización do acto; a Marisa Barreiro as súas palabras, e ao público a asistencia e o interese mostrado. Explicou que Memorias dun porco teixo nace de experiencias reais, de vivencias e persoas coas que foi coincidindo ao longo da vida, atopando no relato breve a mellor maneira de dar forma literaria a esas historias.

Nun ton próximo e distendido, compartiu tamén diversas anécdotas relacionadas coa escrita e publicación dos relatos, así como a satisfacción persoal que supuxo ver finalmente editada a obra. Ao longo da conversa entre Marisa e Xosé Manuel foron aparecendo moitas das claves do libro: a retranca, o humor, a traxedia, as aventuras en vilas e aldeas, os distintos estratos sociais e a diversidade de personaxes que percorren os relatos.

Tamén houbo espazo para falar da evolución literaria de Felpeto, da súa maneira de escribir e da importancia da descrición como recurso narrativo. Especial interese espertou a explicación do título da obra. O autor comentou que o porco teixo é un animal difícil de ver directamente, unha das especies máis antigas e misteriosas do noso entorno, e imaxinouno simbolicamente sentado nun outeiro contando historias aos demais animais, converténdose así nun narrador privilexiado da memoria colectiva.

O acto rematou coa lectura do prólogo por parte do autor e cun recoñecemento especial ao labor de ilustración realizado por Leandro Lamas, aspecto que contribuíu a enriquecer a publicación.

Cos aplausos do público asistente e coa sinatura de libros por parte do autor concluíu esta presentación.

Dende o Iescha, dámoslle os parabéns a Xosé Manuel Felpeto pola publicación de Memorias dun porco teixo, e agradecerlle a súa participación neste acto literario, agardando xa pola seguinte publicación. O agradecemento facémolo extensivo ao Concello pola súa colaboración e apoio, así como ao público asistente, que coa súa presenza e interese contribuíu a facer desta presentación un encontro ben interesante.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DO FOTOS

VIDEO RESUME DO ACTO

https://www.facebook.com/reel/27252306614353702

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad