RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “PASPARTUE”, DE ALEX PERNAS. CON MARISA BARREIRO. VENRES 7 DE FEBREIRO DE 2025. CASA DA CULTURA DE VILALBA (FOTOS E VIDEO RESUME)

A presentación do libro “Paspartue”, de Alex Pernas, organizada polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, comezou cunha intervención de Marisa Barreiro, quen, tras falar da situación crítica que está a sufrir a poboación en Gaza, e dar unhas primeiras pinceladas do libro Paspartue, deu a benvida ao seu autor, Alex Pernas, enxeñeiro, músico e escritor coruñés, comprometido con movementos sociais.

Alex chegou acompañado da súa guitarra, aínda que o seu libro non ten nada de musical. Entre reflexións e acordes, fíxonos partícipes dun xogo: tocar pequenos fragmentos de cancións coñecidas (como Sweet Home Alabama, do grupo Lynyrd Skynyrd; Let It Be, dos Beatles, ou temas de Iron Maiden) e preguntar ao público que lles evocaban. Unha forma curiosa de conectar cos soños, xa que “Paspartue” nace precisamente dun soño do propio autor, ao igual que as cancións anteriores.

Ao falar da súa obra, describiuna como unha historia escura e revirada, un relato atroz que atrapa e inquieta (coincidindo plenamente co que tiña expresado anteriormente Marisa Barreiro). A súa apariencia pode parecer caótica, pero está pensada para seducir ao lector, manténdoo en tensión en cada páxina. Non é un libro de finais felices; hai desgraza, violencia, sensación de desacougo… pero tamén unha narración fermosa dentro do horror.

Durante o evento, Alex leu un fragmento do libro acompañado polo fondo musical da súa guitarra, creando unha atractiva atmosfera. Citou obras consagradas que deixan sensacións similares, como “Lolita”, “O perfume”, “A vexetariana” ou “Misery”, entre outras.

En definitiva, “Paspartue” preséntase como unha obra perturbadora e intensa, un libro para experimentar e deixarse atrapar.

Dende o Iescha, queremos agradecer moi sinceramente a Alex Pernas a súa presenza no acto, agardando continuar colaborando en futuras presentacións.

Moitas grazas tamén ao Concello pola cesión do local, e ao público asistente.

Ata a próxima!

>>>> VIDEO RESUME https://www.facebook.com/watch?v=1368985564260693

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad