RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “SEMENTE DE MENCER”, DE DARÍO XOHÁN CABANA. CON ALEXANDRA CABANA, HENRIQUE ALVARELLOS E CHEMA FELPETO. 21/05/26. CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO E FOTOS)

O salón da Casa da Cultura de Vilalba acolleu, na tarde deste xoves 21 de maio, a presentación do libro “Semente de mencer. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006”, de Darío Xohán Cabana, un acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos en colaboración co Concello de Vilalba. A cita converteuse nunha emotiva homenaxe á figura humana e literaria dun dos grandes nomes da nosa literatura contemporánea.

Abriu o acto Chema Felpeto, membro da Xunta Directiva do Iescha, quen exerceu de presentador nun ton próximo e fondamente agradecido. Nas súas palabras quixo salientar todo o que se lle debe a Darío Xohán Cabana, lembrando ademais as numerosas ocasións nas que o escritor participou en actividades organizadas polo IESCHA, así como as súas colaboracións en distintas publicacións da entidade e a súa presenza no vídeo homenaxe dedicado a Manuel María. Chema fixo tamén referencia á presentación dalgúns dos seus libros do autor en Vilalba; ao retrato de Darío, que formou parte da exposición do XXV aniversario do IESCHA e, sobre todo, ao firme compromiso do escritor coa lingua e coa cultura galega, así como coa defensa de múltiples causas sociais: contra a violencia, a homofobia, a guerra e sempre a prol dos dereitos humanos.

A continuación tomou a palabra o editor Henrique Alvarellos, quen definiu a obra “Semente de mencer” como un “libro monumental” e explicou o enorme reto que supuxo reunir nun primeiro volume toda a poesía publicada previamente por Darío Xohán Cabana. Destacou que a publicación forma parte da colección Rescate de Alvarellos Editora, compartindo espazo con outros grandes autores galegos, e puxo especial énfase na importancia do traballo de edición, estudo e notas realizado por Anxo Angueira. Alvarellos subliñou tamén a dimensión da obra, que permite contemplar conxuntamente máis de 450 poemas, e avanzou que un segundo volume recollerá a obra dispersa e inédita do autor.

Moi emotiva resultou igualmente a intervención de Alexandra Cabana, quen comezou lembrando as moitas veces que acompañou ao seu pai a Vilalba. Agradeceu especialmente as palabras de Chema e comentou a satisfacción que supuxo para ela que Darío fose nomeado socio de honra do IESCHA. Alexandra falou da voz presente neste libro, “a voz do pobo”, unha voz comprometida co amor, coa dignidade humana e contraria á violencia. Destacou tamén o coidado extremo que Darío Xohán Cabana mantivo ata o final pola lingua galega en toda a súa obra literaria. Tivo palabras de agradecemento para Henrique Alvarellos pola fermosa edición do volume —“un libro que lle gustaría moito a Darío”— e tamén para Anxo Angueira polo rigoroso traballo de estudo. A súa intervención concluíu coa lectura dalgún dos poemas do libro, centrados no léxico do campo galego e na casa, que foi seguida con grande atención.

Na parte final do acto abriuse un coloquio no que varias das persoas asistentes formularon preguntas sobre a relación de Darío Xohán Cabana con Manuel María, con Méndez Ferrín ou con García Mato, permitindo compartir novas lembranzas e reflexións arredor da traxectoria vital e literaria do escritor.

O acto rematou cunha sentida mostra de gratitude por parte do IESCHA a todas as persoas participantes e asistentes, nunha tarde marcada pola memoria, a amizade e o recoñecemento a unha figura imprescindible das letras galegas.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VÍDEO RESUME DO ACTO>>>>

https://www.facebook.com/reel/1019791397063195

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad