RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “VERSOS REPUBLICANOS (E OUTROS POEMAS)”, DE CARMIÑA PRIETO ROUCO, EDICIÓN E TEXTO INTRODUTORIO DE MARIO PAZ GONZÁLEZ. 19/09/2026. SALA EXPOSICIÓNS AUDITORIO

Recuperar a voz poética de Carmiña Prieto Rouco

A sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba acolleu o sábado 19 de setembro a presentación de Versos republicanos (e outros poemas), de Carmiña Prieto Rouco, edición e o estudo introdutorio de Mario Paz González, que recupera unha parte especialmente descoñecida da obra da poeta vilalbesa, unha publicación do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) co apoio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O acto, presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, combinou a explicación da traxectoria vital e literaria de Carmiña Prieto Rouco coa lectura e interpretación dalgúns dos seus textos. Participaron as poetas Pilar Maseda, María Xosé Lamas e Emilia Martínez, en directo, e Luz Airado, vía audio, que puxeron voz a diferentes poemas da autora, mentres Carlos Gómez Osa e Rosana e Baruk Domínguez achegaron a dimensión musical da súa obra. Estes últimos pecharon o encontro con poemas de Carmiña musicados en 1930 na Habana por Xosé Fernández Vide, pezas estreadas no período republicano e recuperadas agora por Mario Paz.

Na súa intervención, Mario Paz González explicou as razóns que o levaron a afondar na obra de Carmiña Prieto Rouco. Partindo dunha primeira aproximación á poesía galega do século XX, sinalou a necesidade de revisar a imaxe algo borrosa que se foi construíndo arredor da autora e de coñecer o conxunto da súa produción antes de formular xuízos sobre a súa poesía.

Ao longo da presentación fixo un percorrido pola súa vida e obra: a formación autodidacta, o seu afastamento dos núcleos intelectuais e a intensa actividade cultural da Vilalba do seu tempo. Lembrou os seus primeiros poemas, publicados desde moi nova, e a diversidade da súa produción, que abrangue poesía lírica e intimista, composicións sobre a emigración, textos de compromiso social e político, poemas circunstanciais, letras de cancións, monólogos, diálogos e pezas teatrais.

Especial atención mereceu a evolución da súa conciencia galeguista, a súa vinculación co agrarismo e o anticaciquismo e, durante a República, o seu compromiso coa defensa do Estatuto de Autonomía. Horas de frebe, publicado en 1926, e Violetas foron tamén obxecto de referencia durante o acto, así como a súa actividade literaria e cultural na Vilalba republicana e as numerosas homenaxes que recibiu en Galicia e na emigración.

A presentación tamén abordou un dos aspectos máis delicados da traxectoria de Carmiña Prieto Rouco: o cambio que experimentou a súa obra a partir da Guerra Civil. Mario Paz referiuse aos poemas publicados en 1937 favorables ao bando nacional, sinalando a necesidade de coñecer e contextualizar toda a súa produción para comprender a evolución da autora.

A publicación deste libro adquire especial significado neste 2026, ano no que se conmemoran os 125 anos do nacemento de Carmiña Prieto Rouco e o centenario da publicación de Horas de frebe, o seu primeiro poemario, e pretende achegar novos datos e textos que permitan unha visión máis completa dunha escritora que foi a primeira autora chairega en publicar un libro en galego e unha das máis prolíficas entre os poetas chairegos da primeira metade do século XX. A súa obra, de raíz popular e intimista, vinculada á terra e marcada tamén pola preocupación social, permanece en boa medida ausente dos estudos xerais sobre a poesía galega.

O acto concluíu, como xa se dixo, coa intervención musical de Rosana e Baruk, nunha sesión que serviu así para recuperar, a través da palabra e da música, unha parte significativa da voz literaria de Carmiña Prieto Rouco.

Desde o Iescha queremos expresar o noso agradecemento e felicitación a todas as persoas que fixeron posible este acto e, moi especialmente, a Mario Paz González, polo rigor e o compromiso postos na recuperación da obra de Carmiña Prieto Rouco; ás poetas Pilar Maseda, María Xosé Lamas, Emilia Martínez e Luz Airado, pola sensibilidade coa que deron voz aos seus versos; e a Carlos Gómez Osa, Baruk e Rosana Domínguez, polas súas interpretacións musicais, que contribuíron a facer desta presentación un encontro especialmente emotivo. O noso agradecemento esténdese tamén á entidade que financiou a publicación, Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e á que colaborou no acto de presentación, Concello de Vilalba, así como, de maneira moi especial, ao público que acompañou con interese e afecto esta recuperación da memoria literaria de Carmiña Prieto Rouco.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/reel/1432691648743262

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad