
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu este venres 16 de outubro a presentación da terceira edición de “Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina”, un libro que nace da dor, da indignación e, sobre todo, da solidariedade cun pobo que sofre, mais que non renuncia á súa memoria, á súa identidade nin á esperanza de liberdade.
Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, na súa intervención inicial, pediu desculpas polos inconvenientes xurdidos na organización do acto e salientou o carácter especialmente significativo desta actividade para o Iescha, que vén manifestando publicamente na maioría das súas actividades a enérxica condena do xenocidio en Gaza, demostrando que a cultura tampouco pode permanecer en silencio ante o sufrimento humano.
Destacou tamén a importancia da publicación, que chega xa á súa terceira edición, e expresou o agradecemento a todas as persoas que fixeron posible o proxecto, tanto pola súa participación como polo apoio, o respecto e a admiración que representa o compromiso colectivo coa causa palestina. Así mesmo, tivo palabras de recoñecemento para a Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz, espazo no que se desenvolveu o encontro.
A continuación, tomou a palabra Xoán Gabeiras, en representación do colectivo Galiza por Palestina, quen agradeceu ao Iescha a organización do acto e ás poetas asistentes a súa presenza e implicación. Na súa intervención, explicou que o libro naceu como resposta á situación que está a vivir o pobo palestino e á violencia que padece, así como á ameaza que esta supón para a súa propia existencia e para a conservación da súa identidade. Lembrou que a destrución non afecta unicamente ás persoas, senón tamén á súa memoria histórica, á súa cultura e ás estruturas sociais e económicas que sustentan a vida colectiva dun pobo.
Gabeiras subliñou, ademais, a dimensión solidaria da iniciativa e o seu propósito de contribuír á axuda humanitaria en Gaza. Neste sentido, cómpre lembrar que os beneficios obtidos coa venda do libro se destinan integramente á UNRWA, a Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo, co obxectivo de apoiar a atención humanitaria á poboación palestina.
O momento máis emocionante chegou coa lectura dos poemas. Luz Darriba, Bea Dourado, Almudena Falcón, Ánxela Gracián, Brenda Mondelo, Eugénio Outeiro, Laura Rey e Eva Teixeiro puxeron voz á dor, á rabia, á tenrura e á esperanza. Foron palabras fondas, conmovedoras, ás veces desgarradoras, que fixeron da poesía un berro de denuncia, unha aperta fraterna e unha chamada a non esquecer.
“Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina” é unha iniciativa promovida por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Jenín e Pallasos en Rebeldía, coa colaboración de BDS-Galiza, a editora Tempo Galiza e as persoas autoras que cederon os dereitos das súas creacións. Esta terceira edición amplía os seus contidos ata as 284 páxinas coa incorporación de novas poetas e ilustradoras, reforzando o carácter participativo e solidario dun proxecto que pretende deixar constancia da resposta cultural galega ante o sufrimento palestino.
Desde o Iescha queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas asistentes, ás poetas participantes e ás entidades que fixeron posible esta iniciativa.
Paz, xustiza e liberdade para Palestina!!!
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS



















































VIDEO RESUME>>> https://www.facebook.com/reel/3421753041330674
