
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu este xoves 25 de xuño unha moi interesante sesión do cinefórum: “Eclipses no cinema”, de Martin Pawley, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) en colaboración co Concello de Vilalba. O acto foi presentado pola presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, quen deu a benvida ao público asistente e presentou ao relator, Martín Pawley, destacando a súa ampla traxectoria como crítico e programador cinematográfico, o seu intenso labor de divulgación cultural e o seu profundo coñecemento tanto do cinema como da astronomía. Tamén puxo en valor o seu traballo nos eidos da contaminación lumínica e da protección do ceo nocturno.
Na súa intervención, Martín Pawley iniciou a charla facendo referencia ao esperado eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un acontecemento astronómico excepcional que poderá observarse desde Galicia. Explicou que non todo o territorio galego gozará da totalidade do fenómeno, aínda que unha parte importante do país si poderá contemplalo nas mellores condicións. Ademais, ofreceu recomendacións prácticas sobre a forma correcta e segura de observar un eclipse e repasou os distintos tipos de eclipses que existen.
A partir desta introdución científica, Pawley guiou aos asistentes por un apaixonante percorrido pola presenza dos eclipses na historia do cinema, demostrando unha vez máis a súa capacidade para unir coñecemento, divulgación e paixón cinematográfica. Ao longo da sesión foi comentando escenas de numerosas películas nas que os eclipses desempeñan un papel destacado, tanto desde un punto de vista narrativo como simbólico ou visual.
Entre os títulos analizados figuraron a película india Agantuk, de S. Ray, na que un eclipse é recreado mediante moedas; a española Matador, de Pedro Almodóvar, onde o fenómeno é descrito e percibido polos protagonistas; Ana, de Margarita Cordeiro do cinema portugués, cun tratamento máis poético; Armonía de Werckmeister, unha película do recentemente falecido director húngaro Béla Tarr, cunha suxestiva escena nunha taberna na que os propios personaxes representan o Sol, a Terra e a Lúa. Outras películas que citou Martin Pawley con algunha escena relativa a eclipses foron: a produción malgaxe Cando as estrelas se xuntan co mar, de Raymond Rajaonarivelo; o film Faraón, do director polaco Jerzy Kawalerowicz; a película francesa Farinelli, de Gérard Corbiau; A pequena tenda dos horrores, de Roger Corman; L’eclisse, de Michelangelo Antonioni; o film brasileiro Casa de Areia, de Andrucha Waddington, ou a histórica Barrabás, de Richard Fleischer, famosa na historia do cine por capturar un eclipse solar total real durante a súa rodaxe. Fixo mención tamén a diversas producións non comerciais que recollen eclipses reais con grande valor documental.
Como broche á actividade, Martín Pawley proxectou unha atractiva montaxe de secuencias cinematográficas dedicadas ás estrelas, un fermoso peche para unha conferencia que soubo combinar con acerto o rigor científico, a historia do cinema e a capacidade evocadora das imaxes. Ao remate da sesión, o relator agasallou aos asistentes con diverso material divulgativo relacionado cos eclipses, un detalle moi ben recibido polo público.
A actividade foi seguida con grande interese polos asistentes, que tiveron ocasión de descubrir como un fenómeno astronómico pode converterse tamén nun poderoso recurso cinematográfico e artístico. A excelente exposición de Martín Pawley, amena, rigorosa e moi ben documentada, confirmou unha vez máis a súa extraordinaria capacidade como comunicador e divulgador cultural.
Dende o Iescha só nos queda agradecer e darlle os parabéns a Martín Pawley pola magnífica conferencia impartida; ao Concello de Vilalba pola súa colaboración na organización da actividade, e ao público pola súa asistencia e participación, contribuíndo así ao éxito dunha nova proposta cultural do Instituto de Estudos Chairegos.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS


































>>>>> VIDEO RESUME
