
Este xoves 12 de xuño, na Casa da Cultura, coa colaboración do Concello de Vilalba, o Iescha organizou a primeira sesión de Cinefórum coa proxección da película de IDA LUPINO, “O AUTOSTOPISTA”, en versión orixinal e con subtítulos en galego.
Para falarnos de distintos aspectos da película e da súa directora tivemos a sorte de contar coa presenza de Martin Pawley, colaborador habitual do Iescha, a quen Marisa Barreiro, na súa presentación, agradeceulle profundamente a participación e o coñecemento sobre esta temática. Comentou tamén Marisa que é pretensión do Iescha era a de poder continuar con esta actividade, tan enriquecedora, no futuro.
Martín Pawley iniciou a sesión cun percorrido moi interesante pola historia das mulleres directoras de cine. Comentou como, durante os primeiros tempos do cinema mudo, había unha presenza feminina significativa, pero co paso do tempo, especialmente tras os anos 30, o número de directoras reduciuse drasticamente. Nos anos 60 apenas había seis ou sete, cada unha con escasa produción. A partir dos 70 e sobre todo nos 80, observouse un novo auxe das mulleres na dirección cinematográfica.
Neste contexto destacou a figura de Ida Lupino, unha muller pioneira, única directora activa entre a Segunda Guerra Mundial e os anos 60. Martín Pawley fixo un breve pero revelador repaso pola súa carreira, tanto como actriz de éxito como polo seu labor detrás das cámaras, asumindo tamén roles de guionista e produtora, algo case inaudito naquela época para unha muller en Hollywood.
A película escollida para a proxección, O Autostopista (The Hitch-Hiker, 1953), é unha obra tensa e compacta, cun estilo visual sobrio e eficaz que lembra o mellor do cine negro. Lupino dirixe cun pulso firme e consegue crear unha atmosfera opresiva cunha historia sinxela pero intensa. A narrativa avanza sen distraccións. A dirección de actores é notable e a tensión mantense case sen decaer ao longo da metraxe. A nivel formal, é unha obra de gran mérito, sobre todo tendo en conta as limitacións de produción da época.
No coloquio final houbo intercambios de opinións sobre os distintos aspectos da película: a súa estrutura narrativa, a ausencia nesta ocasión de papeis femininos e, por suposto, a relevancia histórica de Lupino como muller directora nunha industria dominada polos homes.
En definitiva, unha actividade moi positiva que nos fixo reflexionar sobre unha película singular.
Dende o Iescha, queremos darlle as grazas unha vez máis a Martin Pawley pola súa participación e por compartir con nós os seus coñecementos e agardando poder contar con el noutras ocasións.
Grazas tamén ao Concello de Vilalba e ao público asistente.
Ata a próxima!























VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=2227546361034255
