Moi interesante o coloquio que sobre a figura de JUANA DE VEGA tivemos a oportunidade de presenciar onte, venres 15 de setembro, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello, dentro do CICLO MULLERES GALEGAS, e no que participaron Xosé Ramón Veiga Alonso, Ana Cabana Iglesia e Marta Veiga Izaguirre.
Marisa Barreiro, presidenta do Iescha foi a encargada de facer a súa presentación e realizar unha primeira aproximación a Juana de Vega, contextualizando a súa época e a súa traxectoria vital.
A continuación, Marta Veiga, a través de preguntas, e Xosé Ramón Veiga e Ana Cabana, respondendo a elas, foron esmiuzando a biografía e os aspectos máis destacados da figura de Juana de Vega: a súa orixe; a súa educación; o seu carácter de lectora empedernida; a súa influenza no estado español, especialmente polo seu papel decisivo durante o andazo de cólera; a súa proximidade a raiña Isabel II; a súa relación con persoas influíntes da época; a súa vida matrimonial con Espoz y Mina, héroe militar recoñecido pola súa loita contra os franceses; o exilio en Inglaterra e Francia; o frecuentado “parladoiro” na rúa Real da Coruña; a súa relación con Concepción Arenal; a súa participación como socia iniciadora da liña de ferrocarril entre Palencia e A Coruña; a súa contribución á educación coa fundación da Granxa Escola en Oleiros, entre outros.
O coloquio concluíu cun debate participativo, reflexionando sobre a importancia das mulleres galegas durante o século XIX e principios do XX. Sen dúbida, foi un evento enriquecedor que serviu para dar luz á traxectoria dunha muller importante na nosa historia.
Parabéns e agradecemento do Iescha a Xosé Ramón, a Ana e a Marta pola súa interesantísima aportación neste acto, agardando poder contar con eles en próximas activdades.
Moitas grazas tamén ao público pola súa asistencia e participación no debate.
Ata a próxima!!!