RESEÑA DO CONCERTO “CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO”, DE “CANTAR DELAS”, CON “LAMBE, LAMBE”. DOMINGO 26/10/25-CASA DA CULTURA-VILALBA

O pasado domingo 26 de outubro, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo Iescha e financiado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, tivemos o pracer de desfrutar do concerto “Cantos de Raíz. Da raíz do canto”, da man do grupo coral lucense ‘‘Cantar Delas’‘, dirixido por Fernando Gómez Jácome, e que nos convidou a viaxar polas raíces da nosa música popular. O repertorio combinou pezas de música popular tradicional —como o Alalá de Triacastela, o Romance da Lavandeira ou o Alalá das Mariñas— con composicións inspiradas no noso patrimonio musical, entre elas Negra Sombra, Lela ou María Soliña, todas elas interpretadas con gran sensibilidade.

Baixo o fío condutor da tradición oral, Cantar Delas quixo con este concerto render homenaxe á música popular galega como creación colectiva, un tesouro transmitido de xeración en xeración e no que as mulleres tiveron un papel fundamental como cantadoras, tocadoras e bailadoras. A través das súas voces, recoñecemos a forza das nosas cantigas, dos alalás e dos cantos de traballo e festa que acompañaron a vida cotiá do pobo galego.

O concerto fixo tamén un percorrido pola historia da música coral en Galicia, lembrando figuras como Xoán Montes, Rosendo Mato ou Chané, e o nacemento das primeiras agrupacións orfeonísticas, que axudaron a conservar e difundir esta herdanza musical.

A intervención final correu a cargo do grupo de pandeireteiras e cantareiras vilalbés “Lambe, Lambe”, que puxo o broche de ouro coas súas potentes e harmoniosas voces, enchendo o espazo dun ambiente alegre e participativo.

Dende o IESCHA, queremos expresar a nosa máis fonda gratitude aos grupos participantes, Cantar Delas e Lambe, Lambe, polas súas espléndidas actuacións. Así mesmo, o noso agradecemento á Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pola financiación e patrocinio do concerto. E tamén, claro está, ao público asistente, por acompañarnos nesta nova celebración da nosa música e da nosa cultura común.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS

VIDEO RESUME>>> https://www.facebook.com/reel/1397314208481098

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad