Non puideron ter un mellor colofón os actos da Cultura Chairega que o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organizou na homenaxe a Manuel María no seu XX cabodano: O concerto de Branca Villares e Pablo Pintor celebrado na noite deste sábado 14 de setembro no Auditorio Municipal de Vilalba.
A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, foi a encargada de dar comezo ao acto cunha breve pero emotiva presentación de Branca Villares e Pablo Pintor, lembrándonos que este era o segundo evento dentro da homenaxe ao poeta Manuel María comezada o pasado 8 de setembro ao carón da súa escultura. Aproveitou a ocasión para reivindicar, unha vez máis, o nome de Manuel María para a Casa da Cultura, un xesto que busca recoñecer o legado dun dos grandes referentes da nosa literatura. Tamén fixo mención especial ao recoñecemento da literatura de tradición oral, coa homenaxe das Letras Galegas’2025 ao Cancioneiro Popular Galego.
A continuación deu comezo o concerto de Branca Villares e Pablo Pintor, dous músicos que souberon poñer en valor a música tradicional galega de forma excepcional. Branca, coa súa fermosa e potente voz, acompañada de pandeiros e pandeiretas, e Pablo, manexando con mestría instrumentos como a zanfona, a gaita ou o clarinete, crearon un magnífico ambiente que nos transportou ás raíces máis profundas da nosa música.
Durante o concerto, non faltaron cantos de cego, cantigas, coplas, rumbiñas, muiñeiras, habaneras, xotas ou foliadas.
Branca, ademais de cantar, foi intercalando eloxios a Manuel María, facendo referencias á súa importancia na literatura e cultura galegas. Tamén aproveitou para introducirnos nos diferentes temas e instrumentos que utilizaba. Ademais, fixo unha necesaria reivindicación dos traballos das mulleres na música tradicional, un tema no que incidiu con sensibilidade e forza.
Pablo Pintor acompañaba a Branca, alternando entre os seus instrumentos e compartindo algunha anécdota que provocou sorrisos entre o público. A harmonía entre ambos era palpable, creando bos e inesquecibles momentos.
Un dos máis especiais da noite chegou coa interpretación de “O Carro”, un dos poemas máis emblemáticos de Manuel María. Nesta ocasión, o público participou activamente, facendo que a homenaxe ao poeta fose aínda máis sentida e compartida por todos os presentes.
Para rematar, tanto Branca como Pablo agradeceron a calurosa acollida do público e destacaron a importancia de seguir homaxeando a figura de Manuel María e a nosa música tradicional. Despedíronse cun último tema, deixando no aire a promesa dun futuro onde a nosa cultura siga viva e vibrante grazas a eventos coma este.
En nome do Iescha, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Branca Villares e Pablo Pintor pola súa presenza e polo magnífico traballo que compartiron con nós esta noite. A súa actuación foi unha mostra de talento e respecto pola nosa música tradicional.
Tamén queremos agradecer ao público a súa asistencia e participación no acto, así como ao persoal técnico do Auditorio. Moitas grazas a todos por contribuír ao éxito desta homenaxe a Manuel María.
Ata a próxima!
VIDEO RESUME >>>> https://www.facebook.com/watch?v=945217434309216