RESEÑA DO CONCERTO DE CARLOS GÓMEZ OSA “CANTIGAS PARA ANDAR A TERRA CHÁ”. NO 7O ANIVERSARIO DO LIBRO “TERRA CHÁ”, DE MANUEL MARÍA. 16-05-2024. CASA DA CULTURA DE VILALBA (FOTOS E VIDEO)

Este xoves, 16 de maio, víspera do Día das Letras Galegas, e a piques de cumplirse 70 anos da 1ª edición do libro “Terra Chá” de Manuel María, tivo lugar un concerto moi especial que quedará gravado na memoria de todos os asistentes. Dende o primeiro momento a emoción, o sentimento e o cariño inundaron a Casa da Cultura de Vilalba, creando un ambiente máxico que envolveu a todos os presentes.

Carlos Gómez Osa, foi o verdadeiro protagonista da noite, o gran provocador do acontecemento, o seu actor principal e o triunfador final do mesmo. Con paixón desbordante, as notas da súa guitarra soaban harmónicas ao xunguirse coas verbas dos poemas de Manuel María, fermosamente musicadas por Carlos, e que nos foron transportando pola Terra Chá, a través do río Madalena, coas zocas chinelas, na compañía dos escritores vilalbeses e chairegos, co Guedelliñas, ou cos amigos de Vilalba, recorrendo as Feiras, saboreando o queixo de San Simón, disfrutando do San Ramón, ou da romería de Santa Isabel…

 A conexión entre o cantante e o instrumento, entre a voz e a guitarra, foi máxica. Admiración e gratitude, por parte do público asistente, consciente de estar vivindo un momento único e especial. Non foi só un concerto, senón unha experiencia que tocou o corazón de toda a xente.

O agradecemento infinito a Carlos por facernos vivir este momento. A súa actuación foi algo máis que música: foi unha gran homenaxe á poesía e á figura do poeta Manuel María… 

… E tamén un espazo reivindicativo. Carlos subiu ao escenario para condenar enerxicamente os crimes contra o pobo palestino. A súa mensaxe foi clara e contundente, recordando a importancia de alzar a voz contra a inxustiza e solidarizarnos con quen sofre.

Ademais, o acto serviu para exixir o nome do poeta Manuel María para a Casa da Cultura, unha causa que se ven reivindicando, como ben recordou Carlos, dende hai ben anos, atopando sempre o obstáculo e a oposición do Partido Popular, impedindo a homenaxe que Manuel María merece, e que Vilalba lle debe.

O concerto culminou cunha mensaxe de esperanza e determinación: “Seguiremos esforzándonos ata logralo”, comentaba unha emocionada Marisa Barreiro, a nosa presidenta, a xeito de chamada á acción, a seguir loitando polo que o Iescha considera de xustiza. E aproveitou, como non, para trasladarlle a Carlos en nome de todos e todas os parabéns e o agradecemento de todo corazón por ternos ofrecido a posibilidade de presenciar semellante actuación.

Para acabar con música, dous bises con letra da poeta Luz Airado: o primeiro, un poema de amor maternal, e o segundo, un alegato contra a violencia machista.

E unha última sorpresa: “Agardarei”, de Emilio Batallán. 

Remate con longo e merecidísimo aplauso final. 


En definitiva, o concerto foi unha festa da música, da poesía e da loita por manter viva a nosa cultura. Carlos Gómez Osa, co seu talento, paixón e sentimento, regalounos unha noite inesquecible que quedará para sempre gravada nos nosos corazóns. A súa homenaxe ao poeta Manuel e a súa valente postura reivindicativa lembrounos a beleza e o poder das palabras e a música, así como a importancia de seguir loitando polo que amamos e pola xustiza no mundo.

Confiamos no albor dun novo día!!!

Ata a próxima!!!

(Ah! Moitas grazas ao equipo técnico do Concello e ao público asistente!

VIDEO RESUME >>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/841191188036853

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad