
Na noite do sábado 13 de setembro, no Auditorio Municipal de Vilalba tivo lugar o segundo evento englobado nos Actos da Cultura Chairega, en homenaxe a Manuel María no seu XXI cabodano, organizados polo Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio e financiación da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Vilalba.
O evento comezou coa intervención de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, dando a benvida ao público e lembrando que cada ano, por estas datas, a entidade organiza unha dobre homenaxe a Manuel María: a ofrenda floral, con recitado e música a carón da súa escultura, e este concerto. Aproveitou tamén para salientar que o 2025 é un ano especial, pois celébrase o 25 aniversario da fundación do IESCHA, con novo logotipo conmemorativo incluído. Nas súas palabras non faltou o agradecemento a Cris Román pola súa presenza, unha vez máis, en Vilalba, nin tampouco a reiterada reclamación de que a Casa da Cultura leve, de xeito oficial, o nome de Manuel María.
A continuación, o público recibiu cunha gran ovación a Cris Román, que saíu ao escenario acompañada pola súa banda. A cantante expresou a alegría por regresar a Vilalba e lembrou os traballos realizados en colaboración co IESCHA en anos anteriores. Ao longo do concerto foi introducindo cada tema con palabras cheas de emoción, compartindo lembranzas e dedicatorias moi especiais (Daniel, sempre no recordo), mesturando poesía e música, falando de amor, de saudade e tamén da tristura pola lacra da violencia de xénero ou dos efectos causados pola pandemia.
O repertorio percorreu cancións propias e versións cheas de sentimento. Entre os momentos máis destacados estiveron a interpretación de “Galicia, docemente”, poema de Manuel María, e a sempre conmovedora “Negra Sombra” de Rosalía. Como broche final, Cris Román emocionou co poema-canción “O Carro”, de Manuel María, para logo regalar dous bises, “Eu tamén choro” e “Miña Terra Galega”, que puxeron en pé ao auditorio con prolongada ovación final.
Foi, en definitiva, un gran concerto, no que a preciosa e cálida voz de Cris Román e a complicidade coa súa banda construíron unha estupenda experiencia musical: unha música que invita a lembrar, a soñar, a reivindicar e, sobre todo, a gozar.
Dende o Iescha, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Cris Román e ao seu grupo pola súa presenza e polo magnífico traballo que compartiron con nós esta noite.
Tamén queremos agradecer ao público a súa asistencia e participación no acto, así como ao persoal técnico do Auditorio, e as entidades colaboradoras. Moitas grazas a todos por contribuír ao éxito desta homenaxe a Manuel María.
Ata a próxima!!!
RESUME FOTOGRÁFICO DO CONCERTO









































VIDEO RESUME DO CONCERTO
