
Catro nun zoco, música e palabras para unha noite especial
O Auditorio Municipal de Vilalba acolleu este sábado o concerto de Catro nun zoco, dentro dos Actos da Cultura Chairega-2026, organizados polo Instituto de Estudos Chairegos coa colaboración do Concello de Vilalba, na homenaxe a Manuel María no seu XXII cabodano.
Foi unha noite de música, pero tamén de palabras e reflexións. O grupo CATRO NUN ZOCO (Mini Rivas, voz, guitarra e zanfona; Mariña Quintillán, violín; Iria Rivas: voz, e Navia Rivas, voz e pandeireta) foi alternando cancións con comentarios sobre Galicia, o galego e a súa presenza na escola, as guerras, o xenocidio en Gaza, o medio ambiente ou esa sabedoría popular que forma parte da nosa memoria.
E, naturalmente, apareceu Manuel María. Mini falou de moitos poetas e cantautores e lembrou especialmente ao poeta chairego, tan presente nestes actos e tamén na maneira de entender a cultura e o país que Catro nun zoco leva aos seus concertos.
A música chegou da man da guitarra, violín, zanfona e pandeireta. E, por riba de todo, das estupendas voces de Mini, Iria e Navia, xunto coa valiosa presenza de Mariña e o seu violín. O resultado foi un concerto de grande forza expresiva, no que a música e a palabra camiñaron sempre xuntas, canción tras canción, e que foi collendo intensidade ata chegar á última xa de agasallo, “Irmáns”, sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro: “…pra ti, chea de forza, vai miña mao, irmán”, unha fermosa maneira de rematar unha actuación, un verso convertido en último xesto, sinxelo e directo, cara ao público.
Desde o Instituto de Estudos Chairegos só nos queda agradecerlle ao grupo CATRO NUN ZOCO o seu bo facer e a súa participación nestes actos de homenaxe a Manuel María. Tamén ao Concello de Vilalba a súa colaboración así como ao persoal técnico do Auditorio. E, como non, ao público asistente e a todas as persoas que fixeron posible esta nova edición dos Actos da Cultura Chairega, unha iniciativa que segue apostando pola divulgación da nosa cultura, lingua e música tradicional.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS






















VIDEO RESUME>>>>
https://www.facebook.com/reel/2484062682098446
