RESEÑA DO CONCERTO DO PROGRAMA TRADIGALU DE MÚSICA TRADICIONAL (VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN) A CARGO DO GRUPO “OS VALUROS”, DE CASTRO DE REI. SÁBADO 27 DE XUÑO DE 2026. AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA 

Os Valuros encheron de tradición e participación o Auditorio Municipal de Vilalba

O Auditorio Municipal de Vilalba acolleu un concerto de música tradicional organizado polo Iescha, pertencente ao programa TRADIGALU convocado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e protagonizado por Os Valuros, grupo de música e baile tradicional de Castro de Rei, que leva máis de trinta anos dedicándose á recuperación e difusión da música popular galega.

A formación, integrada por persoas de diferentes idades —desde veteranos ata mozas, mozos e mesmo nenas e nenos a partir dos oito anos—, ofreceu un espectáculo no que se combinaron música, canto e baile tradicional, amosando o carácter interxeracional que caracteriza o grupo. A interpretación de pezas coa gaita, o acordeón e a percusión foi acompañada en numerosos momentos por voces e coreografías, ofrecendo unha mostra viva do rico patrimonio musical galego.

O repertorio estivo composto por xotas e muiñeiras de grande tradición, entre elas a Muiñeira de Chantada e a Muiñeira da Fonsagrada, ademais doutras pezas como A Fala do ManuelA Xota das Neves e A Muiñeira do Santo Amaro, que foron moi ben recibidas polo público asistente.

Un dos momentos máis destacados da actuación chegou cando o grupo convidou ao público a participar cantando os retrousos das cantigas. Á entrada do auditorio repartírase unha folla coas letras das pezas, o que permitiu que a asistencia se integrase con naturalidade na actuación, reforzando o carácter próximo, familiar e popular do concerto.

Especialmente emotiva resultou tamén a interpretación de O Galo Canta, protagonizada polas e polos máis peques do grupo, que animaron ao público a acompañalos con canción e xestos, provocando un ambiente de complicidade e entusiasmo entre asistentes de todas as idades.

Ao remate do concerto, Os Valuros agradeceron ao IESCHA e á Vicepresidencia – Área de Cultura da Deputación de Lugo a oportunidade de actuar nun escenario como o Auditorio Municipal de Vilalba. 

Dende o IESCHA, queremos expresar o noso recoñecemento e parabéns ao grupo Os Valuros pola magnífica actuación ofrecida, facéndoo extensivo á Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu apoio e financiación, así como ao Concello de Vilalba, ao persoal do Auditorio Municipal e ao público que asistiu e participou activamente nunha tarde dedicada á música e á tradición popular galega.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME DO ACTO

https://www.facebook.com/reel/2236989043736421

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad