
Na noite deste sábado 28 de febreiro, o Auditorio Municipal de Vilalba encheuse de emoción, sensibilidade e compromiso co concerto de Carlos Gómez Osa “En Feminino. Cancións con nome de muller”, unha proposta do Instituto de Estudos Chairegos coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos do Mes de Rosalía e na antesala do 8M. E o certo é que a cita superou, con creces, todas as expectativas.
Carlos Gómez Osa demostrou, unha vez máis, o seu bo facer enriba do escenario: fiel ao seu estilo, coidando cada palabra e cada silencio, fiando as cancións coma quen borda historias co fío da emoción, da reivindicación, da memoria histórica. Dende os primeiros acordes de “Palabras para Julia”, de J. A. Goytisolo e Paco Ibáñez, o público soubo que estaba a vivir algo especial. A viaxe continuou coa sentida “Derraideira homenaxe a Carmiña Prieto Rouco”, de Manuel María e do propio Carlos, nun intre de fonda raíz chairega.
Houbo espazo para clásicos inesquecibles como “Angie” de The Rolling Stones, que soou delicada e íntima, ou a fermosísima “María la portuguesa” de Carlos Cano. A emoción medrou coa intensidade de “Yolanda” de Pablo Milanés e coa forza poética de “Óleo de mujer con sombrero” de Silvio Rodríguez.
A continuación, a retranca e a dozura déronse a man en “Ai, Dolors” de Manel e en “A Rosalía” de Curros Enríquez e L. E. Batallán, nunha clara homenaxe á nosa grande referente, Rosalía de Castro, figura central da programación cultural do Iescha nestes días. Soaron tamén “Menina estás á janela”, de Vitorino, e a profunda “Salutación elegíaca a Rosalía de Castro”, de Federico García Lorca e Amancio Prada.
Non faltaron a reivindicación e a memoria colectiva en “As nosas señoras da Chaira” e a inesquecible “Te recuerdo Amanda” de Víctor Jara, antes de chegar á fermosa “Lela”, de Castelao e Rosendo Mato. Xa na recta final, a delicadeza de “Alfonsina y el mar” (Félix Luna/Mercedes Sosa), a intensidade de “Llorona” popularizada por Chavela Vargas, a nostalxia de “Laura” de Lluís Llach, a eterna “Lucía” de Joan Manuel Serrat, a nosa “María Soliña” e o emotivo peche con “So long, Marianne” de Leonard Cohen e “Romaxe da Nosa Señora da Barca”(Federico García Lorca / Amancio Prada), así como dous bises finais, puxeron o ramo de ouro a unha noite inesquecible.
Mais se Carlos brillou con luz propia, non foi menos certo que estivo marabillosamente arroupado: Á guitarra, Lois Cuba acompañou con sensibilidade, precisión e unha elegancia musical que engrandeceu cada peza. A voz de Rosana Domínguez achegou dozura, matices e unha presenza escénica chea de calidez. E o Minicoro de Esmuvi, dirixido por Baruk Domínguez, sumou frescura, harmonía e unha enerxía limpa e ilusionante que encandilou ao público.
O auditorio presentaba unha magnífica entrada, cun público entregado, atento e agarimoso, que respondeu con longos aplausos a cada interpretación. Notábase que había ganas de cultura, de música en directo, de celebrar e reivindicar o papel das mulleres a través da canción.
“En Feminino” non foi só un concerto: foi unha celebración colectiva da memoria, da palabra e da música; unha mostra de compromiso coa igualdade e coa nosa identidade cultural; unha noite desas que quedan no recordo. E, sobre todo, foi a confirmación de que cando o talento, o traballo ben feito e o corazón van da man, o resultado só pode ser extraordinario.
Para rematar, por parte de Iescha só queda expresar un fondo e sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta noite inesquecible: empezando, claro está, por Carlos Gómez Osa (Revés, para os amigos, como ben dixo el), pola súa entrega enriba do escenario e polo súa xenerosidade e compromiso co Iescha; a Lois Cuba, Rosana Domínguez e ao Minicoro Esmuvi, dirixido por Baruk Domínguez, por sumar talento, ilusión e frescura; ao persoal do Auditorio Municipal de Vilalba, sempre atento e disposto para que nada falle; ao Concello de Vilalba, polo súa colaboración; e, moi especialmente, ao numeroso público asistente, que coa súa presenza, os seus aplausos e o seu agarimo converteu este concerto “En Feminino” nun encontro cálido, familiar e verdadeiramente emocionante. Sen todas estas persoas, nada disto sería posible.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS






































































VIDEO REUME FOTOGRÁFICO>>>
