
O venres 29 de agosto de 2025, ás 22:00 h, o Auditorio Municipal de Vilalba acolleu un dos actos progrmados polo IESCHA co gallo das Festas de Vilalba: O CONCERTO “LOVISMO” a cargo do grupo A BANDA DA LOBA.
Un traballo inspirado no amor nas súas múltiples facetas, que cobra vida no escenario a través dunha mestura de pop, folk, blues, rock e sons tradicionais galegos, e que se converteu no fío condutor dunha noite chea de emocións. Desde o primeiro acorde, a calidade musical do grupo quedou patente: cada tema construído con arranxos coidados e interpretacións vibrantes, alternando momentos de intensidade con outros máis íntimos que fixeron medrar a conexión co público.
Foi tamén un concerto moi especial para a banda, que lembrou con agarimo a súa primeira subida a un escenario precisamente en Vilalba, e que agradeceu ao IESCHA por contar sempre con elas ao longo destes anos. A emoción intensificouse cando se fixo referencia á despedida temporal de Marcela, a batería, que deixa por un tempo os escenarios pola súa próxima maternidade.
A resposta do público foi extraordinaria: o auditorio rexistrou unha afluencia masiva, con asistentes de diferentes xeracións que viviron con entusiasmo cada cambio de ritmo e se entregaron tanto ás cancións máis enerxéticas como ás máis poéticas.
O ambiente cálido e a coidada posta en escena permitiron brillar ao grupo, neste evento organizado polo IESCHA dentro das Festas de Vilalba, co patrocinio e financiamento da Área de Cultura–Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no marco da celebración do XXV Aniversario da fundación do Instituto de Estudos Chairegos.
En resumo, A Banda da Loba ofreceu unha magnífica actuación, cunha calidade musical excepcional, enerxía directa e unha resposta masiva da audiencia. O concerto confirmouse como un dos pratos fortes da programación cultural de Vilalba en 2025.
Dende o IESCHA, un recoñecemento especial, unha vez máis, ao grupo de A Banda da Loba polas súas interpretacións cheas de forza e sensibilidade, e por estar sempre dispostas a atender a nosa chamada.
Moitísimas grazas á Vicepresidencia da Deputación de Lugo por facer posible este evento cultural de tanta calidade e de acceso gratuíto. Tamén, ao Concello de Vilalba e a Seispés Producións pola súa colaboración.
E, por suposto, grazas á infinita enerxía da xente que encheu o auditorio e fixo do concerto unha experiencia inesquecible para todas e todos.
Ata a próxima!!!















VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1492601271939217
