Este venres, 21 de xuño, no Auditorio Municipal vilalbés, nun acto organizado polo IESCHA, asistimos a un concerto único e fascinante no que a música e a bioloxía se mesturaron de xeito extraordinario. Pablo Carpintero foi o encargado de levarnos da man, explicando con moito detalle aspectos importantes das vivencias musicais e a súa conexión coa bioloxía humana.
Todo empeza no ventre materno…. A partir de aí, música e evolución danse a man, ofrecendo unha perspectiva innovadora e educativa sobre a nosa relación coa música.
O concerto destacou pola súa diversidade instrumental. Pablo Carpintero e Rosa Sánchez alternaron a interpretación de pezas coa descrición dos instrumentos que ían mostrando e utilizando, moitos e variados: pandeiro, pandeiretas, triángulos, asubíos, fungos, zoadeiras, toba, gaitas de palla, gaitas de cana, albocas, gaita de vexiga, gaita de sabugueiro, gaita miñota, tambor portugués, gaita sanabresa, tixolas, botellas, trépedes, sachos, latas, cornos, cornetas, pitos de cabreiro, caramelas, follas de hedras e, por suposto, as súas fermosas e acopladas voces e os tradicionais aturuxos.
A mestura de sons naturais e instrumentos tradicionais creou unha atmosfera fermosa, variada, didáctica, creativa e rítmica que cativou ao público.
Ao remate, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, agradeceu aos asistentes a súa presenza e falou brevemente sobre os artistas e o proceso creativo detrás do concerto, expresándolle, en nome do Iescha, os parabéns polo traballo realizado e agradecéndolle a súa disponibilidade. O público respondeu cunha gran ovación final, recoñecendo o esforzo e a orixinalidade do espectáculo.
En definitiva, foi unha experiencia inesquecible que combinou saber, diversión e creatividade demostrando unha vez máis a riqueza e versatilidade da nosa cultura musical.
Grazas a todas as persoas que a fixeron posible!
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME >>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1190269569071396