
O Auditorio Municipal de Vilalba viviu de novo unha noite especial co grupo vocal lucense SON DE CORDA, nesta ocasión co concerto Na casa delas, unha proposta que uniu música e poesía arredor de varias poetas lucenses e da tradición oral galega.
O recital foi avanzando cun formato moi pensado: antes de cada bloque facíase unha breve explicación através de videos sobre as escritoras escollidas, Olga Novo, Olalla Cociña, María Mariño, Marica Campo, Xela Arias, Luz Pozo Garza e a tradición oral, algo que axudou a seguir mellor o fío do concerto e a entrar no sentido das cancións.
As voces de Esperanza Iglesias, Carmen Prendes, Fernando G. Jácome e Antón Castro funcionaron con moito equilibrio, alternando momentos máis tranquilos con outros de maior forza coral. O acompañamento ao piano de Raúl Rodríguez foi eficaz durante todo o recital, sostendo as pezas sen perder protagonismo a palabra. Tamén destacou a participación da bailarina María Pichín, que achegou movemento e unha dimensión visual que encaixou ben co ton das cancións incluídas no programa: Anquises, Ovellas, Vogar, Cantiga da Cañiza, Nalgures, Estou amor aquí e Far blues.
Cos bises chegaron tamén momentos emotivos: a interpretación de “Cada noite”, de Rosalía de Castro, a de “Moraima”, de Celso Emilio Ferreiro, e unha última peza acompañada polo clarinete que serviu como peche final do concerto, seguido dun amplo e caluroso aplauso do público.
Ao rematar, Antón Castro agradeceu ao IESCHA a organización do acto e tamén a edición do programa de man que se entregou ao inicio, subliñando o valor de iniciativas culturais que manteñen viva a memoria literaria e musical do país.
Foi unha proposta feita con moito gusto e coidado, na que música e poesía se combinaron para poñer en valor a voz de destacadas poetas lucenses diante dun público que respondeu con atención e cariño.
Desde o IESCHA queremos felicitar a todos os membros do grupo Son de Corda pola calidade e sensibilidade dunha proposta artística que deixou unha magnífica impresión entre o público asistente. O noso agradecemento tamén para a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo polo seu apoio permanente; para o Concello de Vilalba pola súa colaboración, así como ao persoal técnico do Auditorio Municipal polo seu traballo e profesionalidade. E, por suposto, grazas tamén ao público que acudiu ao auditorio a presenciar o concerto.
Ata a próxima!!!
GALERÍA FOTOGRÁFICA>>>>













































VIDEO RESUME>>>>
