RESEÑA DO CONCERTO “NA CASA DELES” A CARGO DO CUARTETO VOCAL “SON DE CORDA”. ORGANIZADO POLO IESCHA. CASA DA CULTURA DE VILALBA, SÁBADO 15 DE XUÑO DE 2024. (FOTOS E VIDEO RESUME)

A tarde-noite do sábado 15 de xuño celebrouse un magnífico concerto na Casa da Cultura de Vilalba. O ambiente era o axeitado, e o público estaba máis que disposto para escoitar ao cuarteto vocal SON DE CORDA, formado por Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antón Castro (baixo), que estiveron acompañados por Raúl Rodríguez, ao piano, e María Pichín, na danza. 

O evento foi presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, que fixo unha introdución sobre os poetas que ían ser homenaxeados, sobre o cuarteto Son de Corda e sobre o concerto denominado “Na casa deles”, un proxecto musical e literario, consistente na gravación nun lugar vinculado a un escritor relevante da provincia de Lugo xa falecido unha canción sobre un poema do mesmo, xunto a un texto que versa sobre a vida deses autores homenaxeados.

…E o concerto comezou. Dun xeito áxil, agradable, atractivo e melodioso fóronse sucedendo as interpretacións de Son da Corda, con piano e a danza, coas proxeccións videográficas dos poetas homenaxeados. Así foi: 

Interpretación de “Lugo” de Lorenzo Varela, acompañada dunha proxección de vídeo sobre o poeta, coa narración de Carlos Callón. Seguiu con outro vídeo sobre Uxío Novoneyra, narrado por Branca Novoneyra, e a interpretación de “Fontiña de caravel”, do poeta do Courel. Continuou cun vídeo sobre Manuel María, coa voz de Mercedes Queixas, e a interpretación da poesía “Saleta”, do poeta de Outeiro de Rei, que incluiu a primeira danza de María Pichín.

Despois dun vídeo sobre a poesía de tradición oral galega, narrado por Xoan Ramiro Cuba, interpretación “Na flor dos meus anos”, cunha destacada actuación solista da contralto Carmen Prendes. A seguir, un vídeo sobre Luis Pimentel, coa narración de Betariz Dourado, precedeu a interpretación de “Si eu souper”, do poeta lucense, destacando agora de solista a soprano Esperanza Iglesias e o recitado do baixo Antón Castro.

Continuaron cun vídeo sobre Álvaro Cunqueiro, coa voz de Antonio Reigosa, e a interpretación de “No niño novo do vento”, do poeta mindoniense, que incluíu a segunda intervención de María Pichín na danza. Logo, presentaron un vídeo sobre Darío Xohán Cabana, narrado pola súa filla Alexandra Cabana, e a interpretación de “Venceredes vós”, do poeta chairego.

Como bises, o cuarteto deleitou ao público coa “Cantiga da Cañiza” e unha peza de Brahms, que contou tamén co acompañamento da danza de María Pichín.

Finalizando o evento, Antón Castro, membro de Son de Corda, reivindicou que a Casa da Cultura de Vilalba se converta máis pronto que tarde na Casa da Cultura “Manuel María”, porque é se xustiza. Agradeceu a todas as persoas que participaron na elaboración dos vídeos, así como ao equipo técnico. Tamén expresou a súa gratitude pola presenza de Raúl Rodríguez, (piano), e María Pichín (danza). Resaltou aos autores das composicións musicais que acababan de interpretar. Finalmente, agradecou as axudas recibidas por parte da Área de Cultura da Deputación de Lugo e dos concellos onde naceron os poetas homenaxeados, destacando a súa intención de seguir o mesmo modelo para as poetas lucenses e co título de: NA CASA DELAS.

En definitiva, o concerto do cuarteto vocal Son de Corda foi unha combinación harmoniosa de música, poesía, danza e imaxe ofrecendo unha velada cultural rica e emotiva que foi moi ben recibida por todos os asistentes. E así o demostraron cunha gran e prolongada ovación final.

Dende o Iescha, só nos queda agradecerllo a Esperanza, Carmen, Fernando, Antón, Raúl, María e a todas as demais persoas que o fixeron posible. 

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1159424525200609

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad