
Este venres 19 de decembro tivo lugar no marco do programa Móvete 2025, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e organizado polo IESCHA, o espectáculo de títeres “Esperta o rinoceronte”, de Marián González (Nao Caracola). Unha proposta escénica fondamente coidada que combina teatro de obxectos, manipulación, música e narración para achegarnos, con delicadeza e contundencia ao mesmo tempo, a unha realidade que coñecemos pero que tantas veces preferimos non mirar de fronte.
A peza pon o foco no traballo infantil e, por extensión, nesa maquinaria global de desigualdade que se agocha tras os brillos do consumo, da comodidade e da indiferenza. A través da historia de Bambú e da ensinanza da súa avoa, o espectáculo constrúe unha metáfora poderosa: o rinoceronte como voz da conciencia, como ese latexo interior que nos permite distinguir o esencial do superfluo, o xusto do inxusto. A manipulación das marionetas por parte da actriz-titiriteira e autora do texto, Marián González, non é só técnica, senón tamén simbólica: ela mesma aparece atrapada por momentos nesa engrenaxe que denuncia, converténdose en cómplice involuntaria dun sistema que nubla a razón e a mirada.
A música e a voz en off funcionan como fío condutor dun relato que transita por tres escenarios recoñecibles e dolorosamente actuais, pero que deixan claro que a realidade, por moi frecuente que sexa, non é inmutable. A obra insiste en que sempre existe a posibilidade de reacción, de resistencia, de cambio; que espertar o rinoceronte é un acto íntimo pero tamén colectivo, unha chamada a non mirar para outro lado e a asumir responsabilidade sobre o mundo que habitamos e co que convivimos.
Cómpre salientar tamén a ternura coa que se aborda unha temática tan complexa, facendo do espectáculo unha experiencia accesible para públicos diversos sen perder profundidade nin carga reivindicativa. Unha verdadeira mágoa que coincidise no horario cun espectáculo de maxia noutra sala do Auditorio, pois propostas coma esta merecen a máxima atención e difusión.
Para rematar, só queda agradecer profundamente o traballo e a excelente disposición de Marián González, de Nao Caracola. Un labor espectacular tanto a nivel escénico como na construción e deseño das marionetas, cheo de sensibilidade, coherencia e compromiso. “Esperta o rinoceronte” é unha peza necesaria, fermosa e valente, que deixa pegada e invita a saír da sala cunha pregunta incómoda pero imprescindible: temos o noso rinoceronte ben esperto?
Moitísimas grazas tamén ao público asistente.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS










































VIDEO RESUME DO ACTO>>>>
