RESEÑA DO PRIMEIRO DOS ACTOS DA CULTURA CHAIREGA EN HOMENAXE A MANUEL MARÍA NO XXII CABODANO. DOMINGO 6 DE SETEMBRO DE 2026. ESPAZO MANUEL MARÍA-CASA DA CULTURA DE VILALBA

Un ano máis, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) celebrou o primeiro dos Actos da Cultura Chairega-2026, unha cita xa tradicional no calendario cultural da Terra Chá que ten como eixo central a homenaxe a Manuel María, no XXII cabodano do seu pasamento.

O acto desenvolveuse este domingo, 6 de setembro, no Espazo Manuel María-Casa da Cultura, un lugar especialmente simbólico por acoller, a carón da Casa da Cultura, a escultura do gran poeta chairego. Unha Casa da Cultura que, por méritos propios e polo vínculo profundo de Manuel María con Vilalba e coa cultura da Terra Chá, xa debera levar o seu nome, como recoñecemento permanente á súa figura e á súa inmensa achega á cultura galega.

As palabras de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, serviron para iniciar o acto poñendo de manifesto o significado desta celebración e a necesidade de seguir reivindicando e divulgando a obra e o pensamento de Manuel María, así como de manter vivos os valores culturais que el defendeu ao longo da súa vida.

A homenaxe continuou coa tradicional ofrenda floral a carón da escultura de Manuel María, nun momento de lembranza e respecto cara a quen foi, ademais dun dos grandes poetas da literatura galega, unha figura esencial na defensa da nosa lingua, da nosa terra e da nosa identidade.

A palabra e a poesía tiveron tamén un especial protagonismo. Como vén sendo habitual nestes actos, foron numerosas as persoas asistentes que quixeron participar no recitado de poemas, achegando versos, cancións e textos que contribuíron a manter viva a voz de Manuel María e a demostrar, unha vez máis, que a súa obra continúa formando parte da memoria colectiva e da vida cultural da Terra Chá.

O apartado musical correu a cargo de Carlos Gómez Osa, que ofreceu unha fermosa intervención, enchendo o espazo de música e emoción con cancións que foron recibidas con especial agarimo polo público. A súa participación contribuíu de maneira decisiva a crear ese ambiente próximo que caracteriza estes actos de homenaxe.

E, como non podía ser doutro xeito, o encontro tivo o seu momento final máis emotivo coa interpretación colectiva de “O Cuco”, canción baseada no poema de Manuel María. Unha peza que, ano tras ano, se converte nun símbolo deste encontro: Carlos Gómez Osa e todas as persoas asistentes uniron as súas voces para despedir o acto cantando xuntos os versos do poeta, nunha fermosa demostración de afecto, lembranza e compromiso coa súa obra.

Desde o IESCHA queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas que participaron e fixeron posible esta nova edición do primeiro dos Actos da Cultura Chairega: ás persoas que se achegaron, ás que recitaron os seus poemas, ás que puxeron a súa voz e o seu sentimento nesta homenaxe e, moi especialmente, a Carlos Gómez Osa, pola súa magnífica achega musical e pola xenerosidade coa que contribuíu a facer deste encontro un momento verdadeiramente especial.

Un ano máis, Manuel María volveu estar entre nós a través dos seus versos, da música e das voces da súa xente. E mentres a súa poesía siga sendo recitada, cantada e compartida, a súa memoria continuará viva na Terra Chá e na cultura galega.

Vémonos o sábado 12 de setembro, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal de Vilalba, na segunda parte do Actos da Cultura Chairega-Homenaxe a Manuel María: O concerto do grupo CATRO NUN ZOCO.

GALERÍA DE FOTOS

VIDEO RESUME>>>

https://www.facebook.com/reel/28136422475984592

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad