
Este venres, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, tivo lugar a conferencia “ACHEGAS FEMINISTAS NO ITINERARIO DE EXERIA” impartida por MARISA VIDAL COLLAZO, profesora, escritora, teóloga e feminista galega, que facía a número cinco dentro do ciclo MULLERES GALEGAS.
Tras a presentación a cargo de MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA, a conferenciante deu comezo introducindo o tema e falando das inquietudes de Exeria, unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa, unha aventureira total no século IV. MARISA VIDAL foi desenrolando pormenorizadamente as principais liñas da conferencia falando do itinerario de Exeria, dos seus feitos, da súa figura, da súa curiosidade e da súa experiencia relixiosa en Terra Santa, abordando outros temas como o movemento monástico, os primeiros templos cristiáns e, por suposto, o FEMINISMO.
Tras a exposición, tivo lugar un ameno e esclarecedor debate, cunha suxestiva frase final: “Rescatemos máis mulleres da historia”.
Dende o Iescha, temos que agradecer a Marisa Vidal Collazo a súa presenza para impartir esta interesante conferencia, agardando poder contar con ela en futuras actividades.
Moitas grazas tamén ao público asistente.
Ata a próxima!