
O vindeiro sábado 4 de outubro de 2025, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) ten previsto visitar, no lugar de AS AGUIAS-MURAS, a exposición “Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971”, un tributo aos irmáns Álvarez Blázquezque acerca ao público 41 serigrafías saídas dos talleres da Serigrafía Gallega (Sega), fundada en Vigo por Álvaro Álvarez Blázquez, e expostas por primeira vez en Galicia en 1971.
Na exposición, promovida polo LEGADO ACTIVO BEIRAS CAL (LABC), poderán verse obras de artistas como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio Prego, Xosé Luis de Dios, os irmáns Quesada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Vidal Souto ou Maside, entre outros, configurando un percorrido pola creación galega contemporánea a través da serigrafía.
A chegada á As Aguias-Muras está prevista para as 12:00. A continuación faremos unha visita á exposición acompañados por Carme Varela, secretaria do LABC (Legado Activo Beiras Cal).
Nesta ocasión, non hai prazo de inscrición. Todas as persoas que desexen participar na visita acudirán polos seus medios ao punto de inicio, lugar de ÁS AGUIAS-MURAS, ás 12:00 horas.
(Hora prevista de remate da visita: 14:00)
“VIGO-MURAS SERIGRAFÍA GALEGA 1971”
A aldea de As Aguias (Muras, Lugo) acolle desde este 19 de xullo e ata o vindeiro 19 de outubro a exposición VigoMuras Serigrafía Galega 1971. Este proxecto coordinado polo Legado Activo Beiras Cal compila unha selección de 44 obras realizadas nesta técnica por dezanove nomes destacados das nosas artes que fixeron parte da serie Serigrafía Galega que publicara Álvaro Álvarez Blázquez naquel ano.
A colección foi adquirida naquel momento por Antía Cal, e compleméntase cunha mostra bibliográfica de volumes das editoriais Monterrei e Castrelos e publicacións relacionadas coa familia Álvarez Blázquez, todos eles tirados dos fondos do Arquivo Antía Cal e Antón Beiras.
A vella caseta de Correos, a taberna do Mesón das Aguias e o hórreo da casa do Mesón da aldea das Aguias, localidade natal de Antía Cal, acollen este proxecto.
Entre os nomes que fan parte da mostra atópanse Seoane, Laxeiro, María Antonia Dans, Virxilio, Díaz Pardo, Ventura Cores, Mercedes Ruibal, Xosé Luis de Dios ou Vidal Souto entre outros. A apertura da mostra incluíu unha demostración de técnica serigráfica a cargo de Xermán A. Refojo. (Texto recollido de https://culturagalega.gal/noticia.php?id=37852&soportal=)
