
Ao longo de 2025, o IESCHA levou adiante unha programación que dende a Xunta Directiva valoramos como intensa e diversa. O video resumo que acompaña esta reseña recolle unha boa parte do traballo desenvolvido, e dá conta da cantidade e variedade de actos que marcaron o ano. Cómpre destacar, antes de nada, que 2025 foi un ano especialmente significativo ao coincidir coa conmemoración do 25 aniversario da fundación do IESCHA. A creación dun logotipo conmemorativo, deseñado por Xurxo Insua; a organización dun concerto, o do grupo “A Banda da Loba” (patrocinado pola Área de Cultura–Vicepresidencia da Deputación), a exposición “Retratos”, a cargo de Pedro Cabarcos; a edición dun número extraordinario do Boletín Pena do Encanto, no que colaboraron distintas persoas e entidades, entre outros actos, serviron tanto para celebrar o camiño percorrido como para recoñecer o labor colectivo de toda a xente que fixo e segue facendo posible o proxecto. A celebración dos 25 anos non foi só unha mirada ao pasado, senón tamén unha reafirmación do compromiso do IESCHA coa cultura, a lingua e a sociedade, proxectando cara ao futuro os valores que inspiraron a súa creación.
En xeral, a programación deste 2025 que remata reflicte unha axenda ben completa: presentacións de libros, recitais poéticos, concertos, cine, teatro, exposicións, roteiros culturais, xornadas de patrimonio, conferencias e encontros arredor da lingua, da memoria, da creación contemporánea e do pensamento crítico, publicacións… A cultura galega, en todas as súas expresións, ocupou un lugar central, dialogando coa actualidade, coa historia e co compromiso social.
Durante 2025 pasaron polo IESCHA voces consolidadas e novas creacións, propostas intimistas e actos colectivos, iniciativas de ámbito local e proxectos con proxección máis ampla. Esa combinación de cantidade e diversidade converteu cada mes nun espazo de encontro e participación, aberto a públicos diferentes e a sensibilidades múltiples.
Unha vez máis, pretendemos que este ano deixe unha imaxe clara do IESCHA: unha asociación dinámica, constante e profundamente implicada coa vida cultural do país. O video resumo é unha celebración dese camiño compartido e, ao tempo, unha invitación a seguir formando parte dunha programación que entende a cultura como diálogo, memoria e futuro.
Grazas a todas as persoas que o fixeron posible!!!
Ata a próxima!!!

