
O Auditorio Municipal de Vilalba converteuse durante varios meses nun punto de encontro para o mellor do audiovisual galego grazas ao Ciclo Mestre Mateo 2025, organizado polo IESCHA, propiciado e financiado pola Academia Galega do Audiovisual e a Área de Cultura – Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a colaboración do Concello de Vilalba. O programa, que se desenvolveu entre xuño e novembro, reuniu curtas, longametraxes e documentais que amosaron a diversidade, a creatividade e a forza narrativa do cinema feito en Galicia.
O ciclo comezou no mes de xuño con dúas sesións de curtas que deron visibilidade a novas voces do panorama galego. Títulos como Nai, Véxote, Pura, Noites de prata ou Sinapse ofreceron historias próximas, cotiás e emotivas, que conectaron co público pola súa frescura e sensibilidade.
En setembro, o público vilalbés gozou dunha programación moi variada. A comedia Cuñados, de Luis Avilés, puxo a nota humorística, mentres que o documental Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión, fixo reflexionar sobre a memoria e a dignidade das mulleres mariñeiras. Pola súa banda, Xustiza artificial, de Simón Casal, mergullou á audiencia nun futuro inquietante gobernado pola intelixencia artificial, e Aurora, de Area Erina, pechou o mes cun relato íntimo e delicado sobre a amizade e a confianza.
O outubro trouxo catro últimas proxeccións que deixaron un excelente sabor de boca. Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, propuxo unha viaxe polos montes galegos e portugueses na procura da esencia da natureza. Honeymoon, de Enrique Otero, explorou as feridas dun matrimonio en crise. Filmei paxaros voando, documenta gañador, de Zeltia Outeiriño, emocionou pola súa mirada persoal ao regreso á terra e á memoria familiar.
O ciclo pechouse este domingo, 9 de novembro, coa proxección da pelicula As Neves, de Sonia Méndez, que se alzou como gañadora desta edición cun thriller rural intenso e cheo de intriga.
A acollida do público foi, en xeral, positiva, con boa asistencia a bastantes das proxeccións, creándose un ambiente de interese arredor de cada filme. Deste xeito, o Ciclo Mestre Mateo 2025 reafirmou o compromiso do Iescha coa cultura galega e coa difusión dun cinema que non deixa de medrar en cantidade, calidade e identidade.
Desde o Iescha, temos que agradecer a colaboración das institucións que fixeron posible esta programación, así como o apoio constante do público asistente, que unha vez máis demostrou o seu interese polo cinema galego e pola cultura feita dende aquí.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME DO CILCO MESTRE MATEO-2025-VILALBA>>> https://www.facebook.com/watch?v=1320837285971674
