Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

EXPOSICIÓN “O HERBARIO DE ROSALÍA”. SALA AUDITORIO MUNICIPAL-VILALBA, DENDE LUNS 18 ATA DOMINGO 31 DE MARZO. ORGANIZA O IESCHA COA COLABORACIÓN DA FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO E DO CONCELLO DE VILALBA

Marzo 18 @ 20:00 - Marzo 31 @ 14:00

A partir do luns 18 e ata o domingo 31 de marzo de 2024, poderase contemplar no Auditorio Municipal de Vilalba a exposición ‘O Herbario de Rosalía’, unha mostra con 40 imaxes do Herbario real realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza. Está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Vilalba. A exposición amosa 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así­ como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalí­a e a proxección da totalidade dos pregos. Horario de apertura da expo: De luns a venres de 18 a 22h // Sábados e festivos de 12 a 14h Esta mostra, que está a itinerar por todo o país, abreuse en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid. En 2019 as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Fundación Rosalía de Castro e á súa Casa-Museo o Herbario de Rosalía a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron. En 2022 a Fundación Rosalía publicou o libro homónimo coa totalidade das 150 plantas, que se pode atopar en todas as librarías do Estado. As plantas na obra de Rosalía O cantar II de Cantares gallegos comeza dicindo “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”. Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Durante o ano 2019, Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro dentro dun proxecto da Universidade de Santiago. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas. Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu nas súas obras, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía. Sen o coñecemento botánico de Mª Isabel Fraga Vila, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, esta empresa non tería sido posible; mais non se trata dun herbario científico, senón dun herbario literario, un achegamento ás plantas e flores queridas á Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora durante os paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos. Se os narcisos de Wordsworth se convertiron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, as herbiñas do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar.

Detalles

Comezo:
Marzo 18 @ 20:00
Remate:
Marzo 31 @ 14:00

Recinto

Auditorio Municipal
Rúa das Pedreiras, 5
Vilalba, Lugo 27800 Spain
+ Google Map
Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad