PALESTRA INFORMATIVA “OS IMPACTOS DE ALTRI”. INTERVEÑEN: ANA FERNÁNDEZ SANTAMARINA, COSME DAMIÁN ROMAY E MARCIAL BARRAÑ VASQUES. PRESENTA: MARISA BARREIRO. XOVES 9 DE MAIO-20:00, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA

O xoves 9 de maio de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a palestra informativa “OS IMPACTOS DE ALTRI”, na que participarán ANA FERNÁNDEZ SANTAMARINA, doutora en Hidroloxía e Xestión de Recursos Hídricos, membro de ADEGA; COSME DAMIÁN ROMAY, biólogo e membro do Grupo Naturalista Habitat, e MARCIAL BARRAL VASQUES, veciño afectado e membro da Fundación Eira da Xoana. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.

Entrada libre ata completar aforo.

SOBRE O QUE SIGNIFICA ALTRI (Extracto da entrevista realizada a ANA FERNÁNDEZ SANTAMARINA por Ricardo Suárez o día 3 de abril de 2024 en Nósdiario)

(…) En principio querían vendernos unha biofábrica de fibras sostíbeis. Mais finalmente trátase dunha macrocelulosa, unha fábrica que vai ocupar 360 hectáreas con dúas liñas de produción, unha de pasta de celulosa solúbel de 400.000 toneladas anuais, unha de lyocell de 200.000 toneladas. (…)

Indubidabelmente, haberá unha afección grave ao tecido socioeconómico da comarca, o sector servizos e o sector primario. Hai moitas explotacións en ecolóxico que van ser borradas por completo. 500 postos de traballo nun futuro van eliminar as dedicacións que elixiu ter a xente. (…)


O estudo da empresa ten moitas carencias. Na análise das emisións ao aire empregaron un modelo de dispersión de contaminantes que non está recomendado desde o ano 2017 nas listaxes das axencias medioambientais porque se considera que estas emisións de gases coma os óxidos de xofre ou os óxidos de nitróxeno son inertes e non se analizan as reaccións con outros gases que xa existen na contorna, especialmente nun contexto agrogandeiro e húmido, o que pode xerar outros produtos tamén moi prexudiciais para a saúde. (…)

Son 46 millóns de litros de auga ao día os que queren para a súa concesión, o que supón 9% da media de volume no encoro de Portodemouros. (…)

A concesión duraría 75 anos e non se avaliou no estudo de impacto ambiental que repercusión ten esta gran cantidade de auga que se vai detraer do sistema fluvial. (…)

Por outra parte, vanse verter unha gran cantidade de compostos orgánicos a quilómetro e medio dun encoro que xa está en mal estado debido a materiais semellantes, como proba o feito de que se prohiba a navegación e o baño a causa do microcistis, uns organismos moi tóxicos que medran polo estado eutrófico da auga. Sen esquecer a ría de Arousa, unha denominada masa de auga de transición que xa está en mal estado por uns contaminantes orgánicos que se multiplicarán coa instalación desta empresa. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad