RESEÑA DA PRESENTACIÓN DO LIBRO “GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL. CONVERSAS CON DANIEL HERMOSILLA”, DE ANTÓN BAAMONDE. VENRES 26 DE ABRIL DE 2024. SALA DO AUDITORIO DE VILALBA (FOTOS E VIDEO RESUME)

Onte venres 26 de abril, tivo lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Municpal de Vilalba, o acto de presentación do libro de Antón Baamonde “Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla”, organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba.

Falou en primeiro lugar Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, presentando aos dous intervintes: Antón Baamonde, filósofo, escritor e amigo vilalbés, do que destaca a súa capacidade para abrir fiestras e que di sempre o que pensa, e Daniel Hermosilla, empresario ourensán, director executivo de Rodiñas. Ambos coñecidos dende a presentación doutro libro de Antón, “Unha nova Olanda”. Fala tamén Marisa do libro, do que distingue dúas partes: un ensaio sobre a Galicia de onte e de hoxe, e a conversa entre Antón e Daniel. Considérao un libro optimista, cunha visión construtiva que está xerando interese no sector industrial. A continuación, dá paso aos intervintes.

Daniel Hermosilla manifesta en primeiro lugar a súa satisfacción por estar en Vilalba e aproveita para destacar o papel das vilas como articuladoras do territorio. Describe catro planos no libro: mirar ao pasado para extraer leccións útiles, identificar os principais multiplicadores económicos do presente, propoñer accións para o futuro e imaxinar como podería desenvolverse ese futuro. 

Antón Baamonde comenta que Galicia non é o que a xente pensa que é. Considera que estamos nun cambio de paradigma onde aspectos como a dixitalización ou a intelixencia artificial adquiren unha grande relevancia. Explica que poden representar algún perigo pero prefire consideralos como elementos de oportunidade para deseñar unha importante política industrial. Fai fincapé nos grandes méritos de moitas empresas galegas.

O diálogo posterior entre Antón e Daniel (ao que se foron incorporando diversas persoas de entre o público asistente) revela a existencia dunha Galicia moderna con grandes posibilidades, malia as crenzas populares. Analizan os retos e oportunidades que se poden presentar tendo en conta a capacidade emprendedora de moitas empresas galegas, destacando a importancia de crear valor engadido a través da cooperación entre elas.

O debate esténdese ás posibles accións a realizar, como a creación de distritos industriais ou pequenas unidades produtivas, baseadas nas relacións de confianza e o espírito de colaboración. A pesar de todo, queda patente a preocupación pola burocracia e a necesidade dunha transformación completa dos produtos, facendo fincapé na posta en valor das empresas locais xa consolidadas.

En resume, asistimos a unha completa, amena e interesante charla arredor deste libro, no que se pretende convencer á xente para que adopte un enfoque máis colaborativo e recoñeza o potencial de Galicia, ao tempo que se abordan cuestións relevantes para o desenvolvemento económico e sostible de Galicia.

Dende o Iescha, temos que agradecer a Antón Baamonde e a Daniel Hermosilla a súa participación neste acto, así como as súas interesantes e innovadoras aportacións, quedando citados para continualas no futuro. 

Moitas grazas ao Concello e ao equipo técnico do Auditorio pola súa colaboración e eficiente traballo.

Grazas tamén ao público asistente.

Ata a próxima!

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=804839984893134

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad