CONFERENCIA DE GUILLERMINA DOMÍNGUEZ: “TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR; MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA”. VENRES 15/03 20:00H. CASA DA CULTURA

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, o venres 15  de marzo de 2024, ás  20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, unha conferencia impartida por GUILLERMINA DOMÍNGUEZ sobre “TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR; MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA”, e será presentada por MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

A conferencia de Guillermina Domínguez ten como precedente o libro Tres mulleres galegas de armas tomar’. María Balteira, María Castaña e María Soliña escrito pola propia Guillermina Domínguez Touriño e por Felicia Estévez Salazar e publicado no ano 2009 por Baía Edicións

“O libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira, unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión (…) No libro cóntase parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes. (…) E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito”. (Extracto sacado da introdución do libro) GUILLERMINA DOMÍNGUEZ TOURIÑO, nada en Santiago de Compostela, o 18 de maio de 1953. Estudou Filosofía e Letras, daquela, na especialidade de Historia, e dentro dela, na etapa de Medieval (1970-1975), Formou parte do “Colectivo María Castaña” (“Materiais Didácticos para unha Visión Non androcéntrica da Historia” e “Muller e Traballo”, “As Mulleres na Historia”). Máster na USC, anos 95-98, “Educación, Xénero e Igualdade”. Ten varias publicacións e traballos, como: “Arte Invisible, as Mulleres na Arte, obxecto e suxeito”. “Textos para a Historia das Mulleres en Galicia”, e outras separatas coa “Deputación de Pontevedra”, “Tres Mulleres Galegas de Armas Tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña “. Tras 45 anos de profesora, segue a manter o espíritu feminista que lle levou a traballar neste eido.

“Tras 45 anos de Profesora, acaban de xubilarme, forzosa obviamente, porque eu nunca, ata a morte, me xubilarei de Feminista, Muller, Nai, Historiadora e, por suposto Bruxa… a día de hoxe, casada coa miña compañeira de vida, xuntas desde fai 23 anos e casadas (as primeiras en Galicia) desde fai 18, pretendo seguir sendo a que son… unha Bruxa máis.”

Entrada libre ata completar aforo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad