PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ANTÓN BAAMONDE “GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL. CONVERSAS CON DANIEL HERMOSILLA”. VENRES 26-04-2024, ÁS 20:00 H. NA SALA DO AUDITORIO

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL. Conversas con DANIEL HERMOSILLA”, de ANTÓN BAAMONDE (Filósofo e ensaísta). 

O acto terá lugar o venres 26 de abril de 2024, ás 20:00 horas, na Sala do Auditorio Municipal de Vilalba. Contará coa presenza de Antón Baamonde e Daniel Hermosilla e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. (ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO).

Información sobre o libro

A mensaxe deste libro, querido lector, consiste en afirmar que non necesariamente o seu fillo ten que emigrar. A trama de empresas de úlima xeneración que describe mostra unha realidade cuantitativa que leva no seu interior a posibilidade dun salto cualitativo.

Galicia ten unha historia industrial, con casos de éxito dos que cabe aprender, de Zeltia ou Pescanova a Zara, pasando pola industria marítima ou conserveira. É unha historia que hai que saber poñer en valor. 

Pero, en todo caso, nas últimas décadas naceu unha constelación de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas. Trátase de empresas que están en condicións de dar un salto adiante e competir por máis e mellores mercados. 

“Galicia, Distrito Industrial” intenta ofrecer unha certa cartografía desa nova xeneración de empresas e información sobre elas, pero tamén unha mirada proactiva, anticipadora. Daniel Hermosilla pon sobre a mesa, como exemplos inspiradores, os modelos piamontés, austríaco e bávaro. Son modelos dos que intenta extraer unha aprendizaxe. 

As políticas proactivas poden acelerar procesos, poden dárlles entidade, facer que as empresas vaian collendo corpo. O concepto de distrito industrial pode ser unha maneira de entender o fomento da industria local, de promover as sinerxias e a colaboración entre empresas, de crear e/ou completar as cadeas de valor, de entender que hai un enorme terreo para que as diversas compañías, cada unha coa sua propia especialización e know-how, se retroalimenten e contribúan, desa maneira, ao progreso do país. 

Asistimos agora a un retorno da política industrial, determinado, entre outros factores, pola experiencia da pandemia; a revolución loxística; o inmenso reto da descarbonización e, finalmente, os avatares da xeopolítica, que poden levar a un certo desacoplamento entre o bloque occidental e China.

O momento é crucial e Galicia ten cartas para xogar na partida dunh nova onda industrializadora. Convén, por iso, estar presente nas transformacións tecnolóxicas e nas revolucións científico-técnicas que se podan producir. Nesta nova inflexión da economía e a política mundiais, hai que saber atopar o oco das propias especializacións ompetitivas.

Tres leccións de GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL

A súa primeira lección é non desdeñar o pasado industrial do país, tantas veces obliterado, sacado fóra de foco para acentuar un único elemento da súa economía, o agrario ou rural. A segunda é dar conta da aparición, nas últimas décadas, dunha extraordinaria nube de empresas, nacidas, moitas delas, á calor de Citröen e Inditex, pero non só delas, dado que hai cento cincuenta anos que está aí a conserva. A terceira, e máis importante, é superar a economía forense para intentar ter unha visión. Ter unha visión: é dicir unha mirada capaz de xerar unha actitude proactiva, anticipada, orientada ao cambio. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad