INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “LÁMINAS DO QUIXOTE” DE JESÚS TRASTOY – XOVES 27 DE OUTUBRO, ÁS 20:00 NO AUDITORIO DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa súa programación de actividades para o presente ano 2022, organiza a EXPOSICIÓN “LÁMINAS DO QUIXOTE” de JESÚS TRASTOY

A inauguración está prevista para o xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, na sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba e poderase visitar ata o 30 de novembro no horario de apertura do mesmo.

A mostra está formada por 108 láminas  (ilustracións da novela de Cervantes) que Jesús Trastoy debuxou a bolígrafo nun minucioso, paciente e encomiable traballo.

JESÚS TRASTOY SAAVEDRA naceu na popular e histórica rúa da Porta de Cima de Vilalba o día 12 de setembro de 1941.

Nos anos da súa actividade laboral dedicou o tempo á construción e á telefonía, traballando en distintas empresas e en lugares moi espallados. Esta circunstancia impediulle desenvolver unha das actividades pola que sentía verdadeira paixón: a pintura.

Con todo e con iso, unha parte importante do seu tempo de lecer ocupouno na visita a exposicións de pintura, preguntándose a miúdo “como se podería facer algo como o que facían os que expoñían”.

Logo dunha intensa vida de traballo, chegoulle a prexubilación, e con ela a posibilidade de gobernar a súa existencia. Foi daquela cando se iniciou nas complicadas artes do pincel, asistindo a cursiños impartidos en Vilalba por Maximiliano López e Manolo Carballeira.

A partir de entón e xa instalado definitivamente na súa vila natal, foi “argallando á súa maneira” e desenvolvendo unha xa longa traxectoria como pintor na dourada idade da xubilación. Logrou converter esta nun auténtico xúbilo estético.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad