O venres 18 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de Mª XOSÉ LAMAS “UN CORVO EN CALDALOBA”, nun acto organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba. Intervirán no mesmo: Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Antón de Guizán, autor do prólogo do libro; Sofía Naseiro, autora das ilustracións e da cuberta do mesmo, e a autora do libro, Mª Xosé Lamas.
Esta publicación, editada polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, fai o número 29 da Colección Biblioteca Chairega.
Nunha parte do prólogo, o autor do mesmo, ANTÓN DE GUIZÁN, escribe sobre o libro de María Xosé Lamas: “… UN CORVO EN CALDALOBA, ademais de ser unha excelente obra teatral, é un traballo reivindicativo para reclamo sobre a nosa historia e a situación de abandono deliberado dun símbolo da resistencia deste país que, ao mesmo tempo que educa, informa e divirte, devolve ao teatro á súa función social crítica con espírito libre e mesmo de
combate cultural.
María, cal Constanza de Caldaloba, fixo desta encomenda unha ferramenta para a defensa da fortaleza de San Martiño de Pino co fin de rexeitar dende o espazo da cultura, o asociacionismo e o teatro, as agresións institucionais contra os nosos símbolos e o noso patrimonio materializadas no abandono secular. E se o traballo en si mesmo xa ten un indubidábel valor, o feito de ser parte dunhas iniciativas colectivas e de ver a luz a través da destacada labor editorial do Instituto de Estudos Chairegos IECHA, que publica así a súa primeira obra teatral, confire a UN CORVO EN CALDALOBA unha
relevancia histórica.