REPRESENTACIÓN TEATRAL “A LIORTA” A CARGO DO GRUPO “AVELAÍÑA TEATRO”, COA DIRECCIÓN DE ANTONIO SIMÓN. O SÁBADO 13 DE ABRIL DE 2024, ÁS 19:30 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a representación teatral “A LIORTA” a cargo do grupo AVELAÍÑA TEATRO, dirixido por ANTONIO SIMÓN.

O acto terá lugar o sábado 13 de abril de 2024, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

A LIORTA (VOLTAIRE/ROUSSEAU.- Imos presenciar unha escena doméstica entre dous polemistas natos, profundos e corrosivos.

Acontece no s. XVIII, o Século das Luces, na apoteosis da Ilustración.

De contado xurdirá a contenda entre dúas maneiras de entender a vida, o pensamento, a cultura, a sociedade. A refrega será sen tregua, intensa, exaltada. O verbo sagaz voará dun ao outro como dardo vertixinoso. Ninguén ousará dobregarse. Enfrontamento dialéctico entre dous filósofos, no que se un fará uso da súa permanente retranca, o outro replicaralle con rabia sempre explosiva.

Todo transcorre nun palacete onde reside VOLTAIRE (Xulio Leal) na fronteira franco-suíza. Alí acode indignado ROUSSEAU (Miguel Anxo Martín) para intentar pescudar quen é o autor dun libelo anónimo que circula por Xenebra e que o desacredita gravemente…: de súpeto están liados nunha pelexa a dentadas que durará ata o final e na que a filosofía non deixa de ser a protagonista. 

Iso explica en boa medida, que asistamos a un teatro no que predominará o uso da palabra, nun texto sempre vigoroso, sostido, exquisito.

Ámbolos dous interpelantes son correlixionarios no empeño enciclopédico e na tarefa de sentar as bases da Revolución Francesa e das sociedades liberais que a partir dela xurdiron e en cuxos principios (democracia, constitución, división de poderes, liberdades e dereitos subxectivos, etc.) se asentan as nosas. 

Unha disputa, pois, entre dúas ideas que se son igualmente xenerosas, non son en modo algún menos diversas. 

Un aristócrata que quere mellorar o valioso conseguido, que cre na cultura, que se opón á irracionalidade, á superstición, á intolerancias e á tiranía, que lamenta a inexistencia da Providencia, contesta ás arremetidas dun rapaz airado de orixe plebea, dun axitador revolucionario, dun radical que quere partir de cero para reformar a sociedade, para volveres á boa natureza do salvaxe e desbotar a corrupción á que nos ten levado a sociedade, a cultura, as ciencias e as artes.

Velaí a VOLTAIRE e a ROUSSEAU, contraditorios máis sempre brillantes, nun diálogo que reclama unha atención continuada para acompañalos nese constante ir debullando toda unha serie de temas que a todos nos seguen interpelando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad