RESEÑA DA CONFERENCIA DE SABELA OLIVARES SOBRE DOROTHÉ SCHUBART DENTRO DO CICLO MULLERES GALEGAS ORGANIZADO POLO IESCHA (GALERÍA DE FOTOS)

Este xoves, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello do Vilalba, organizou a última das conferencias previstas para o presente ano 2023 e correspondente ao Ciclo Mulleres Galegas. Foi impartida nesta ocasión por Sabela Olivares baixo o título de O LEGADO DE DOROTHÉ SCHUBARTH NA TRADICIÓN GALEGA.

Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, levou a cabo a presentación da conferenciante, Sabela Olivares, non sen antes deixar constancia da máis absoluta repulsa pola guerra de Israel contra o pobo palestino.

Sabela Olivares, despois de agradecer as palabras de Marisa, comeza falando de Dorothé Schubarth, a muller suíza que realizou un importantísimo traballo para a música popular galega. Grazas á completa exposición de Sabela poidemos coñecer máis polo miúdo a Dorothé, musicóloga, compositora e docente, quen realizou a máxima aportación xamais intentada para a conservación e coñecemento da música da tradición oral galega.

A conferenciante deu conta tamén dos principais cancioneiros populares antes do de Dorothé, que abarcaban varios volumes. En 2014, Dorothé doou os seus rexistros sonoros ao Museo do pobo galego, contendo 1802 partituras de 38 zonas xeográficas, con 599 informantes de 88 Concellos. O Cancioneiro popular de Dorothé ten un gran valor histórico e científico, destacando pola súa minuciosidade e rigor científico.

Durante a conferencia, Sabela Olivares mostrou tamén exemplos con material sonoro, incluíndo explicacóns sobre regueifas, desafíos, parrafeos e xogos. Expresou o seu desexo de que sexan cada vez máis as persoas que poidan acceder ao arquivo do cancioneiro. Os rexistros poden ser consultados na web do Museo do Pobo Galego ou na Fundación Barrie.

A conferencia concluíu coa proxección dun vídeo onde Dorothé comenta aspectos interesantes do seu traballo xunto a Antón Santamarina, colaborador moi valioso e necesario.

Parabéns do Iescha a Sabela Olivares pola súa fantástica conferencia que nos brindou, como xa dixemos, a posiblidade de coñecer de forma minuciosa o extraordinario legado de Dortothé Schubart.

Graciñas, coma sempre, ao público asistente que tivo ocasión tamén de participar no coloquio final.

Ata a próxima!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad