A mañá deste sábado 30 de decembro de 2023 converteuse nunha mañá especial, enmarcada na elección do IESCHA para renderlle, de novo, unha merecida homenaxe a Bernardo García Cendán no undécimo cabodano.
Reunímonos na Praza da Igrexa, a carón da súa inscrición nunha das pedras, a mesma que, hai apenas un ano, foi testemuña da súa inauguración.
E como naquela ocasión, este foi un encontro para lembranza, para o cariño, para a loubanza e para botar de menos a Bernardo, o intelectual, o escritor, o crego e, sobre todo, o amigo: Emoción, gratitude e un cálido abrazo colectivo para quen deixou unha pegada indeleble nas nosas vidas.
Compartimos este momento especial con familiares, amigos e amigas, que colaboraron con agarimo neste evento:
Arturo e Víctor Antonio Bermúdez Prieto, sobriños-netos de Bernardo, facendo gala do seu dominio da guitarra e da trompeta, respectivamente.
Marisa, Santamariña, Arturo, Mero e Chema, dando lectura a senllos fragmentos do limiar que Agustín Fernández Paz escribiu para o libro de Bernardo “Cartas a Antón”.
E o grupo da AC Andrade, deleitándonos con dúas pezas populares galegas.
En difinitiva, a palabra e a música, dous dos elementos que sempre foron protagonistas na vida de Bernardo, xuntáronse unha vez máis para tecer unha lembranza chea de afecto e sentimento.
En nome do Iescha e da familia de Bernardo, agradecemos a todas as persoas antes citadas e a todas as que estiveron presentes nesta homenaxe o seu compromiso por compartir o cariño hacia a súa persoa.
Tamén agradecemos o bo traballo do equipo técnico do Concello de Vilalba.
Por fin, só nos queda despedirnos deste ano 2023 expresando a nosa gratitude a todas as persoas que fixeron posible a gran cantidade de actos organizados e coa esperanza dun mellor 2024, sen guerras, sen inxustizas… e con moita cultura.
Ata a próxima!