RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “UN TAXI VERDE E UN CONCERTO”, DE TUCO CERVIÑO. COA PRESENZA DE MARISA BARREIRO, ANTÓN BAAMONDE E ELBA VELEIRO. (RESUME FOTOGRÁFICO)

Na Casa da Cultura de Vilalba, este xoves 18 de xaneiro, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Editorial Galaxia, organizou a presentación do libro de Tuco Cerviño “Un taxi verde e un concerto”.

Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, comezou condenando unha vez máis o masacre que está a sufrir o pobo de Gaza. A continuación, presentou aos participantes no acto: Elba Veleiro, Antón Baamonde e Tuco Cerviño. Antes de pasarlles a palabra, mencionou a positiva recepción que tivo o libro que se vai a presentar, onde se detallan feitos reais da vida do autor e se narran eventos xurdidos da curiosidade, da familia, do contexto socio-cultural… Un libro esencial para comprender e reflexionar e que rende homenaxe a diversas persoas.
Elba Velerio iniciou a súa intervención falando sobre a súa relación co autor ao que coñece dende 2008, convidando a todos a ler o libro e eloxiando a súa linguaxe clara, as mensaxes positivas e bo criterio naqueles aspectos que defendía. 

Antón Baamonde comezou destacando do libro o fácil que resulta a súa lectura e o humor co que manexa as anécdotas, pintando un retrato da súa xeración. Baixo o seu criterio, céntrase en dous aspectos principais: a vida familiar e a loita estudantil da época, considerándoo unha xanela a diversos acontecementos con abundante e variada información. A destacar tamén, baixo o seu punto de vista, a descricion da Compostela deses anos. Remata dicindo que o libro suscita aspectos moi interesantes para o debate.

Tuco Cerviño, o autor, agradeceu a presenza de Marisa, Elba e Antón. Expresou especilamente o seu orgullo de estar na mesma mesa con Elba Veleiro, a primeira alcaldesa de Vilalba, e o seu aprecio por Antón Baamonde, vellos amigos e compañeiros en organizacións en defensa da lingua, ao que valora tanto persoal como intelectualmente.

Respecto ao libro, destacou, el tamén, a súa fácil lectura, a súa capacidade para provocar risas e bágoas, a abundancia de historias concatenadas que se poden ler de maneira independente. Explicou que o libro está estruturado en dous piares fundamentais: a familia e a Compostela dos anos sesenta, e mencionou algunhas críticas positivas recibidas: “Asombroso, detallado, retrato dunha época dun pais, potentes descricións, sobre todo a do 68, ou que no futuro será consultado polos historiadores”. Pensa que son uns relatos entretidos, cheos de vida e comenta os obxectivos que fixou á hora de escribilo: Transmitir á família actual e posterior a figura dos seus devanceiros, e homenaxear a amigos, profesores, compañeiros… Conclúe coa lectura dunha pasaxe do libro. 

No posterior debate, Tuco Cerviño abordou aspectos relacionados co concerto de Voces Ceibes, considerándoo un evento crucial nesa época e onde se entoaron por primeira vez cancións de protesta en galego.

Dende o IESCHA, agradecemos a Tuco Cerviño, a Antón Baamonde e a Elba Veleiro a súa presenza do acto que nos posibilitou coñecer de xeito detallado as características e pormenores deste libro “Un taxi verde e un concerto” editado por Galaxia.

Grazas tamén ao público asistente.


Ata a próxima!!! 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad