
Cada 2 de novembro, data na que se cumpre o aniversario da Declaración Balfour de 1917, celébranse os Días de Cine Palestino arredor do Mundo (Palestine Cinema Days Around the World), unha iniciativa global de resistencia cultural impulsada por FilmLab Palestine. A proposta reivindica o cinema como espazo de memoria e de expresión colectiva, e convida a públicos de todo o mundo a achegarse a miradas palestinas que moitas veces quedan fóra dos circuítos habituais de exhibición.
Nesta ocasión, o Instituto de Estudos Chairegos-Iescha, a partir dunha proposta de Martin Pawley, ten a sorte de poder ser o organizador dun dos pases da película en Vilalba, Será o mesmo día que en todos os lugares do mundo, é dicir o LUNS 2 DE NOVEMBRO, ás 20:30 horas, na CASA DA CULTURA DE VILALBA.
PELÍCULA QUE SE PROXECTA
WITH HASAN IN GAZA (Con Hasan en Gaza) é un documental de 2025 do cineasta palestino Kamal Aljafari, moi ben recibido pola crítica.
Sinopse
A película nace de tres cintas MiniDV rodadas en 2001 que o director volveu atopar máis de vinte anos despois. A idea inicial era viaxar a Gaza para dar co rastro dun antigo compañeiro de cárcere de 1989, un home que o tempo e a guerra fixeran desaparecer. Aquela busca acabou convertida nun percorrido inesperado por estrada, de norte a sur da Franxa de Gaza. Durante o traxecto, Aljafari vai acompañado por Hasan, un guía local de quen hoxe non se sabe o paradoiro. Cunha cámara en man que deambula por rúas, mercados, cafés, praias e casas palestinas, o filme capta instantes fugaces da vida cotiá, cheos de vitalidade pero atravesados pola ocupación e a sensación constante de perigo. O resultado é un testemuño histórico de primeira orde e unha meditación cinematográfica profunda sobre a memoria, a perda e o paso do tempo, e sobre a devastación dunha realidade e dalgúns rostros que o conflito borrou e que quizais xa non se poidan recuperar.
Ficha técnica
• Dirección: Kamal Aljafari
• Ano: 2025
• Duración: 106 minutos
• Produción: Palestina, Alemaña, Francia e Qatar
• Recoñecementos: estreouse no Festival de Cine de Locarno, onde obtivo o premio Europa Cinemas Label, e tamén recibiu nomeamentos nos Premios do Cine Europeo.
Entrada de balde
