CONFERENCIA “RAMÓN OTERO PEDRAYO E A XERACIÓN NÓS”, IMPARTIDA POR VICTORINO PÉREZ PRIETO. XOVES 29 DE OUTUBRO DE 2026 – ÁS 20:00, NA CASA DA CULTURA. ORGANIZA: IESCHA. COLABORA: CONCELLO DE VILALBA

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá o vindeiro xoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, a conferencia “Otero Pedrayo e a Xeración Nós”, que será impartida por Victorino Pérez Prieto. A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración co Concello de Vilalba, e con entrada libre ata completar a capacidade.

A charla estará dedicada á figura de Ramón Otero Pedrayo, unha das personalidades máis destacadas da cultura galega do século XX e membro fundamental da Xeración Nós, o grupo de intelectuais que desempeñou un papel decisivo na renovación cultural, literaria e política de Galicia nas primeiras décadas do pasado século.

A conferencia permitirá afondar na traxectoria intelectual e no pensamento de Otero Pedrayo, así como na súa achega ao proxecto colectivo da Xeración Nós, que deixou unha fonda pegada na literatura, no ensaio, na investigación histórica e na afirmación da identidade cultural galega.

O relator, Victorino Pérez Prieto, abordará esta figura esencial da nosa historia cultural, contribuíndo a divulgar o seu legado e a importancia dunha xeración que marcou un antes e un despois na evolución do galeguismo e da cultura de Galicia.

Con esta iniciativa, o Instituto de Estudos Chairegos continúa a súa labor de difusión e posta en valor da cultura galega, promovendo espazos de encontro, reflexión e coñecemento arredor das figuras e dos movementos que contribuíron a construír a Galicia contemporánea.

Victorino Pérez Prieto é profesor universitario xubilado, escritor, teólogo e pensador galego, doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca. Especialista na cultura galega, especialmente na Xeración Nós e en Prisciliano, así como na obra e no pensamento de Raimon Panikkar, desenvolveu unha ampla traxectoria docente e investigadora en universidades de Galicia, España e Colombia. Participou en numerosos congresos e conferencias e forma parte de diversas asociacións culturais, educativas e teolóxicas. Tamén colaborou en numerosos medios de comunicación e revistas galegas, españolas e internacionais, e dirixiu a revista Irimia, ademais de formar parte do consello de redacción de Encrucillada.

A súa produción intelectual abrangue preto de trinta libros individuais e colaboracións en máis de sesenta obras colectivas, nas que aborda cuestións relacionadas coa filosofía, a teoloxía, a espiritualidade, a cultura galega, o diálogo intercultural, a ecoloxía e a construción da paz. Entre as súas publicacións destacan: A xeración «Nós», Prisciliano na cultura galega, Diccionario panikkariano, A unidade e harmonía da Realidade: Complexidade e ecoloxía e La mística en las religiones no cristianas: El reto de la no-dualidad. O conxunto da súa obra reflicte un compromiso constante co pensamento crítico, o diálogo entre culturas e relixións, a diversidade e a procura dunha sociedade máis xusta, harmónica e pacífica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad