
O IESCHA organiza a EXPOSICIÓN “A LINGUA DO FUTURO / O FUTURO DA LINGUA”, de ALBA DÍAZ, unha aproximación fotográfica ás faces da infancia e a rapazada que falan e viven en galego nunha situación de emerxencia lingüística.
A exposición, promovida pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial, poderase visitar dende o 3 de outubro ata o 1 de novembro de 2026, no espazo A CHOUZANA, ao carón do Palco da Música de Vilalba.
“A exposición fotografica de Alba Díaz “A lingua do futuro / O futuro da lingua” é unha iniciativa para reflexionar sobre a realidade sociolin-güística de Galicia a través da creación visual. Este proxecto fotográfico ponlle rostro a unha xeración de nenas, nenos e adolescentes galegos que medraron nun contexto de deterioro da lingua do país, o que derivou nunha situación de emerxencia lingüística. Malia terse criado baixo a vixencia do Decreto de Plurilingüismo no sistema educativo dende o ano 2010, as persoas retrata-das manteñen o galego como a súa lingua materna e de uso maioritario, converténdose en protagonistas dunha resistencia cultural esencial.
A proposta articúlase de xeito orgánico mediante o uso do retrato fotográfico en branco e negro, que se funde co simbolismo de destacadas figuras da nosa música e literatura. A estética da mostra integra tamén palabras que nomean os afectos e a natureza propia do noso país, establecendo un paralelismo entre a perda do idioma e ausencia da chuvia, fenómenos, en definitiva, que alteran a nosa esencia. Esta procura dos trazos elementais da identidade reivindica o respecto á diversidade e defende o galego como unha ferramenta imprescindíbel para vivir e nomear a nosa experiencia do mundo
