O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidenca da Deputación de Lugo, organiza o acto de inauguración da Exposición e da presentación do ÁLBUM DOS CROMOS[ONOS], de XULIO PARDO DE NEYRA: Unha colección de postais conformadas a xeito de colaxe con poemas e fotos antigas. Intervirán tamén MARICA CAMPO E LUZ AIRADO. Contará tamén coa actuación musical de XAVIER FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ. Presenta MARISA BARREIRO.
Esta acto terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba o venres 22 de novembro de 2024, ás 20:00 horas.
A exposición permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro de 2025.
XULIO PARDO DE NEYRA
Licenciado en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Filoloxía Galega e Doutor en Historia Contemporánea pola mesma, así como Doutor Europeo en Didáctica da Lingua e a Literatura pola Universitat de València. Dá clases na Universidade da Coruña, onde imparte lingua e literatura galegas e a súa didáctica.
Nas súas teses de doutoramento abordou a relevancia de Evaristo Correa Calderón no sistema literario galego e a introdución do vangardismo na Literatura galega; a repercusión e actualización literaria da figura do heroe cabaleiresco masculino nas lendas de familia e mais na literatura da Galiza contemporánea, e o mito da muller acuática nas literaturas europeas. Anteriormente foi profesor na Universidade de Compostela, na da Estremadura, na Universidade Católica Portuguesa.
Desde a adolescencia colaborou coa prensa escrita galega, publicando o seu primeiro libro, unha biografía de Gustavo Freire, en 1988, aínda non cumpridos os vinte anos. En 2008, mais cun selo filolóxico, a editora pontevedresa Dos Acordes deu á luz o texto “Gustavo Freire na Galiza da Época Nós”, onde se recollían parte das teimas de 1988 mais do punto de vista da Filoloxía, a Historia, a Música e a Didáctica galegas. Desde aquel 1988, nunha case imparábel dedicación e entrega, publicou numerosos artigos de investigación e participou en moitos congresos internacionais, así como deu á luz preto dunha trintena de libros, entre os que convén citar “Lugo: Cultura e República”, “Evaristo Correa Calderón”, “Ánxel Fole: Pazos e nacionalismo”, “O labor lírico do ilustrado cura de Fruíme”, “Vanguardia Gallega ou o compromiso xornalístico lucense coa II República Española”, “As orixes da literatura infantil galega”, “Fidalguía e cultura palaciana na Galiza do último milenio”, “Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?” e “A introdución do vangardismo na literatura galega”. Pertence ás asociacións: AS-PG, Gálix, a SEDLL, a SELICUP ou a ANILIJ, entre outras. (Fontes: Wikipedia e Galegos.GaliciaDixital)
A ENTRADA SERÁ DE BALDE