
Foi pouco tempo, pero moi ben aproveitado. O grupo de Amigos e Amigas do Museo do Pobo Galego agasallounos cunha visita entrañable e chea de curiosidade. Desde o primeiro momento, o seu entusiasmo fíxose sentir, e, aínda que a xornada foi breve, os momentos compartidos deixaron unha fonda pegada.
Ao chegaren á nosa sede, na Casa da Cultura de Vilalba, e unha vez recibidos pola presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, e un dos directivos, Manolo Santamariña, non puideron ocultar a sorpresa: “Como é que este espazo aínda non leva o nome de Manuel María?”, preguntaban con incredulidade. O seu interese polo traballo do Instituto de Estudos Chairegos foi inmediato, mostrando curiosidade pola variedade de campos que abordamos dende o Iescha no ámbito cultural, e non tardaron en lanzar preguntas sobre as nosas actividades e algúns temas de interese. Un dos que máis lles preocupou foi a situación do Museo de Prehistoria de Vilalba, outro dos motivos principais da súa visita. Ao saber do seu peche, quedaron francamente sorprendidos e moi apenados.
Decidimos, a continuación, facer un percorrido pola vila, comezando pola Porta de Cima e avanzando ata a praza da Igrexa, onde se viviu un momento particularmente emotivo: Unha das integrantes do grupo, antiga alumna de Bernardo García Cendán, detívose fronte á lousa que o lembra. Víronselle os ollos brillar de emoción ao rememorar ao seu mestre.
Proseguimos polo camiño de Detrás do Poxigo, onde as vellas pedras dos restos da muralla pretendían contarnos historias de tempos lonxanos. A praza do Campo e a praza da Farola foron outras paradas no noso camiño, ata chegarmos ao monólito das Irmandades da Fala, ao carón da Torre dos Andrade, onde quixeron inmortalizar a súa visita cunha boa fotografía de grupo.
Seguimos subindo bordeando a árbore senlleira da Pravia, pasando polo mural de Rosalía, que lles encantou, a escultura de Manuel María ou o Templete da Música, ata chegar á Casa do Concello.
O paseo concluiu visitando o mural de Lula Goce, que causou gran impresión; o parque Rosalía de Castro, onde puideron admirar o monólito en homenaxe á nosa poeta, e, como non, o magnífico mural de Agustín Fernández Paz, motivo de admiración.
Para o Iescha, foi un verdadeiro pracer exercer de anfitrións dos Amigos e Amigas do Museo do Pobo Galego. Marcharon cun sorriso sincero e algún cariñoso agasallo. Agardamos ter no futuro moitas experiencias que compartir. A conexión pola cultura, o respecto polo pasado e a emoción dos pequenos detalles fixeron desta unha visita curta, si, pero profunda e inesquecible.
Ata a próxima!!!