A charla que Martin Pawley impartiu sobre a paixón cinematográfica de Agustín Fernández Paz, este martes 23 de abril na Casa da Cultura de Vilalba organizada polo IESCHA, resultou enriquecedora e inspiradora.
Abriu o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen, tras condenar unha vez máis o xenocidio que segue a sufrir o pobo palestino, explicou a importancia deste día e a súa relación co contido da charla: o 23 de abril é o día que se convoca oficialmente o Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, que este ano chega á súa VIII edición. Lamenta, iso sí, que este acto aínda non se poida celebrar na Casa da Cultura “Manuel María”; que a Biblioteca Municipal non poida levar o nome de “Agustín Fernández Paz”, ou que o Conservatorio vilalbés non se denomine “Santiago Mato”. E todo, insiste, pola teimuda e incomprensible abstención do Partido Popular.
A continuación, presenta ao conferenciante Óscar Sánchez, máis coñecido por Martín Pawley, de orixe chairega, amigo de Agustín, que, ademais de crítico e programador de cine, é divulgador científico e colaborador en diversas revistas.
A intervención de Martin Pawley centrouse no su inicio no libro “Entrevistas a directores de cine” (co agradecemento a Docampo e Agustín por ese agasallo), que recolle conversas con destacados cineastas. Logo, os primeiros encontros cinematográficos de Agustín: Cine Vilalbés, a Laboral de Xixón, diversos Cine-Clubes; algunhas das súas películas emblemáticas como “A Illa do Tesouro”, “Ordet”, “Os Centauros do Deserto”, “West Side Story”, “Pasión” ou “O Apartamento”, complementadas con cortes das mesmas… Destaca Pawley a influencia no traballo de Agustín de directores como Rossellini, Dreyer, John Ford, Robert Wise, Ingmar Bergman ou William Wyler, destacando a presenza de citas cinematográficas en moitos dos seus libros, especialmente en “Fantasmas de Luz”, un libro impregnado de amor polo cine. Tamén puidemos ver a lista das vinte mellores películas do escritor vilalbés.
A xeito de resume: descubrir as películas favoritas de Agustín resultou ser como atopar un tesouro escondido no medio dun labirinto de palabras e mundos imaxinarios. Nesta charla, Martin Pawley amosounos as películas que captaron a atención e o corazón de Agustín, revelando non só o seu gusto cinematográfico, senón tamén o seu profundo pracer pola maxia do cine.
Dende Iescha queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Martin Pawley pola súa contribución e por ofrecernos unha charla tan amena e enriquecedora. Agardamos poder seguir contando con el de novo no futuro.
Moitas grazas tamén ao público asistente.
Ata a próxima!
VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1850930925383430