RESEÑA DA CONFERENCIA DE CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO SOBRE “O PATRIMONIO INVISIBLE”. VENRES 31 DE MAIO DE 2024, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA. (FOTOS E VIDEO RESUME)

Interesantísima a conferencia “O PATRIMONIO INVISIBLE” que na tarde-noite deste venres 31 de maio nos ofreceu CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, 

Falou, en primeiro lugar, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, comezando, como en moitas outras ocasións, condenando todos os conflitos bélicos que se están a producir no mundo. A continuación, entrando na temática da palestra, definiu o patrimonio como conxunto de bens culturais que pode dividirse en distintas clases, como o patrimonio material, que inclúe monumentos, edificios históricos e outros bens físicos, e o patrimonio inmaterial, que engloba tradicións, costumes, e coñecementos transmitidos de xeración en xeración. Rematou informando da actividade profesional, cultural e reivindicativa do conferenciante, Carlos Henrique Fernández Coto. 

Carlos comezou falando da importancia do patrimonio inmaterial, que se mantén grazas aos nosos maiores e ás tradicións que eles conservan. Detrás de cada pedra e cada tradición, hai moitas cousas que non se ven, pero que son fundamentais para a nosa identidade.

Falounos do problema principal co que nos atopamos: a destrución e o abandono do patrimonio. Moitas veces, as administracións consideran estes bens como un estorbo, e hai unha falta de recoñecemento dos bens culturais. 

Falounos da importancia de poñer conciencia sobre a protección do patrimonio.

Falou dos cruceiros, parte esencial da nosa paisaxe, servíndonos como referencias xeográficas, espirituais e rituais.

Falou das campás e dos campaneiros, destacando as diferenzas na forma de tocar. 

Falou dos lavadoiros, dos hórreos, das actividades que se desenvolvían ao seu redor; do rico vocabulario relacionado cos eles e das aberracións cometidas contra eles.

Falou dos muíños de auga, das lacenas, das colmeas, da carpintería de ribeira, dos símbolos nas artes de pesca, da toponimia (tres millóns de nomes de lugares en Galicia!!!), das marcas de canteiro, do deporte popular, do antroido, da gastronomía, das lendas, dos ritos populares, dos obxectos protectores dos males, dos zonchos ou colares de castañas cocidas no día dos defuntos. 

Falounos da música popular, da gaita, das partituras, da agricultura, dos minifundios fronte aos latifundios, da pedra seca, das alfombras florais. Mencionou tamén a identidade dos pobos, do idioma, e das construcións a protexer.

Falounos, en fin, da muralla medieval de Vilalba e dalgún local comercial xenuíno.

Rematou insistindo na necesidade de protexer tanto o patrimonio material como o inmaterial que temos.

Interesante e participativo coloquio final.

Dende o IESCHA temos que agradecer moi sinceramente a participación de Carlos Fernández Coto nesta magnífica conferencia sobre un tema tan apaixoante, agardando poder seguir contando con el en futuros eventos.

Grazas tamén ao público asistente. 

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=975499400623062

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad