RESEÑA DA GALA DE ENTREGA DO VII PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ A ANDREA BARREIRA, GAÑADORA POLO LIBRO “QUEN PRECISA UNHA AVOA? SÁBADO 26-10-2024 (VIDEO E FOTOS) 

O acto de entrega do VII Premio Literario a súa gañadora, ANDREA BARREIRA, polo seu libro QUEN PRECISA UNHA AVOA?, levado a cabo no Auditorio Municipal de Vilalba, este sábado 26 de outubro, organizado polo Iescha, o Concello de Vilalba e a Editorial Xerais, foi un éxito, unha noite repleta de emocións. O numeroso público presente gozou dunha gala cálida, diversa, interesante e impregnada de sensibilidade en cada unha das intervencións e en cada unha das actuacións que se levaron a cabo.

Xa dende un principio e durante toda a gala, contamos coa excelente e profesional condución do evento a cargo de CARMEN HERMIDA, acompañada polo constante traballo da intérprete de linguaxe de signos, NOELIA SUÁREZ. 

A primeira actuación foi a de PABLO DEL VALLE enchendo o Auditorio cunha fusión de sons étnicos e cálidos. Interpretou varias pezas con distintos ritmos, incluíndo unha mensaxe clara e profunda contra o racismo.

De seguida, as palabras de benvida da presidenta do IESCHA, MARISA BARREIRO, agradecendo a presenza de todas as persoas alí reunidas. Antes de centrarse no motivo principal do evento, fixo un chamamento á solidariedade, constatando que hai lugares no mundo onde a vida humana é machacada. Pediu unha irmandade universal, unha paz baseada na igualdade e na participación de todas e todos. Salientou a importancia da lectura, unha ferramenta esencial para formar opinión e tomar decisións conscientes. Subliñou ademais que o Premio Agustín Fernández Paz está a contribuír á loita polas liberdades individuais, ao tempo que enriquece a literatura galega. Alerta sobre os últimos datos preocupantes sobre o uso do galego, unha lingua que se atopa en risco. Ademais, lamentou que a biblioteca do IES Basanta Silva non poida levar o nome de Agustín, pero rematou cunha mensaxe de esperanza e garantindo que o IESCHA seguirá reivindicando o seu dereito.

A continuación, proxectouse un vídeo breve pero profundamente emotivo sobre Agustín, que foi recibido con gran sensibilidade polos asistentes.

Despois, MARTA ROUCO, alcaldesa de Vilalba, tomou a palabra para destacar os valores de inclusión e diálogo que representa este Premio, animando a todas e todos a participar activamente. Falou de afecto, da igualdade, da inclusión, da complicidade, da importancia das avoas, mulleres referentes. Eloxiou o labor do IESCHA e de XERAIS, e expresou o seu desexo de que a Biblioteca Municipal poida levar o nome de Agustín no futuro, rebelando o proxecto posto en marcha para crear un espazo dedicado a el na biblioteca con fondos do propio Concello.

Foi un momento especial cando as REGUEIFEIRAS DA CHÁ, do IES Basanta Silva de Vilalba, expertas nesta arte tradicional. NOA, SARA e a súa profesora ALMUDENA improvisaron unhas regueifas a partir das palabras que voaban do público: igualdade, paz, guerra ou amizade.

A seguinte intervención foi a de FRAN ALONSO a través dun vídeo, onde falou da novela gañadora “Quen precisa unha avoa?”. Alonso subliñou a dignidade da vellez e agradeceu a presenza de todos, facendo unha cariñosa e emotiva mención a Tita, a irmá de Agustín.

Tocoulle o turno á BANDA DE MÚSICA DE VILALBA cunha destacada e vibrante actuación, interpretando cancións dos Beatles (como “Yesterday” e “Ob-la-di Ob-la-da”), un grupo que encantaba a Agustín. Baixo a dirección de DANI VEIGA, a Banda encheu o auditorio de notas musicais cargadas de nostalxia.

MANUEL BRAGADO, amigo de Agustín e membro do Xurado, destacou o formidable traballo levado a cabo polo IESCHA, nomeando especialmente á súa presidenta Marisa Barreiro, levando adiante a causa agustiniana con dedicación. Referiuse á obra gañadora destacando a diversidade, a excelencia e a tenacidade como as súas características principais. Resaltou o enfoque novidoso sobre os coidados que precisan as avoas, así como a rede de afectos que se crea entre as crianzas e as persoas maiores, coa calidade da prosa como marca distintiva.

O momento culminante chegou coa entrega do VII Premio a ANDREA BARREIRA por parte das tres entidades organizadoras. A autora subiu ao escenario visiblemente emocionada e agradeceu ao IESCHA poder manter viva a memoria de Agustín; ao Concello, por garantir que sexa posible, e a Xerais por crer nesta historia. Tamén deu as grazas a María Montes polas fermosas ilustracións e ao Xurado pola súa valoración. Confesou que este libro é o máis importante para ela, porque nel está recollido todo o que ama e estima. Rematou coa importancia de compartir o tempo coas persoas queridas, subliñando que o presente só se pode construír en igualdade e que este libro foi escrito desde a alegría.

No tramo final da gala, anunciouse á gañadora do VIII Premio:EVA Mª MEJUTO RIAL, pola súa obra “Onde caben catro”.

E a emoción continuou coa actuación de CORREDORES DE SOMBRA: Nesta ocasión, foron BARUK e PILAR os que nos agasallaron cunha fermosa loa ás abidueiras mediante textos de Agustín e Pilar, acompañados pola música de Baruk. As verbas, a música e as lembranzas mesturáronse para crear un momento de gran beleza, destacando o gusto pola palabra e a memoria.

O acto chegou ao seu fin e Carmen Hermida agradeceu a colaboración de todas as persoas participantes, dos técnicos do Auditorio e de Asorlu. Tamén a presenza da familia de Agustín, e do público presente. 

A Banda de Música puxo o broche de ouro interpretando o himno galego, pechando así unha gala cargada de emoción, lembranzas e compromiso coa cultura galega.

Todo o evento tivo un claro protagonista común: AGUSTÍN. Unha homenaxe máis que merecida a unha figura senlleira, cuxa memoria e legado seguirán iluminando os nosos camiños, inspirándonos coa súa paixón pola cultura e pola vida. Grazas, Agustín, por deixarnos o mellor de ti. Sempre na nosa memoria!

Desde o IESCHA, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que colaboraron na realización deste acto, cuxo esforzo foi fundamental (a familia de Agustín -un recordo moi especial para TITA-; a autora premiada, os membros do Xurado, os do IESCHA, os do Concello de Vilalba, os de Edicións Xerais; as presentacións, as actuacións, as intervencións, o persoal técnico…) A todos e a todas, moitísimas grazas!!!

E tamén, como sempre, o noso máis sincero agradecemento ao público asistente, que fixo que esta cerimonia brillase con luz propia.

Ata a próxima!!!

_____________________________________________________________________________________

VIDEO RESUME >>>>> https://www.facebook.com/watch?v=875373238042345

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad