
O pasado venres 28 de agosto, tivo lugar a inauguración da exposición “Retrospectiva” do pintor vilalbés Pedro Cabarcos, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, e que congregou a un público numeroso e entusiasta na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal.
Unha inauguración moi especial, na que o artista estivo acompañado por moitas persoas chegadas de diferentes sitios de Galicia: amigas, amigos, ex alumnos e alumnas, así como pola súa familia. A exposición consta de algo máis de 60 cadros, a gran maioría pertencentes a coleccións privadas, realizados en diversas técnicas: lapis, acuarela, acrílico, óleo e pastel.
A mostra, centrada principalmente no retrato —gran paixón de Pedro—, ofrece unha viaxe pola traxectoria do artista, cunha orde cronolóxica que, en palabras do propio autor, é tamén un recordo e un agradecemento aos seus pais, presentes na exposición a través dos seus retratos. A forza expresiva das cores e a intensidade das miradas converten cada lenzo nun diálogo íntimo co espectador.
As paredes cheas de rostros —cada un cunha identidade e unha historia propias— foron o centro da atención, espertando conversacións, emocións e recoñecementos. Os asistentes, arredor de 200 persoas, deixáronse sorprender pola calidade técnica e a profundidade interior das obras. A xornada estivo ademais moi animada, con momentos de cordialidade e complicidade entre o público e o propio artista, e culminou cun agasallo de petiscos elaborados para a ocasión.
Con esta “Retrospectiva”, Pedro Cabarcos non só presenta un resumo vital e artístico, senón que tamén deixa constancia da súa capacidade para capturar a esencia das persoas a través do pincel, ofrecéndonos unha obra sincera, vibrante e profundamente humana.
Dende o IESCHA, queremos agradecer de todo corazón a Pedro Cabarcos o seu magnífico traballo e a xenerosidade de compartir con nós esta viaxe pola súa obra. Do mesmo xeito, estendemos o noso agradecemento ao Concello de Vilalba pola súa colaboración e, moi especialmente, ao público asistente, que coa súa presenza e afecto deu calor e sentido a esta inauguración.
A exposición de Pedro Cabarcos permanecerá aberta ao público ata o 10 de outubro de 2025.
Ata a próxima!












































































VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1629709724672717
