RESEÑA DA PALESTRA “UNHA VIAXE POLA POESÍA ÍNTIMA DE MANUEL MARÍA” E DA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “MANUEL MARÍA: BELEZA, AMOR E COMPROMISO”. 25-10-24-CASA DA CULTURA DE VILALBA

Onte, venres 25 de outubro, na Casa da Cultura de Vilalba, o IESCHA programou unha nova, emotiva e significativa homenaxe ao poeta Manuel María. Marisa Barreiro abriu o acto cunhas palabras de benvida á inauguración da exposición “Manuel María, Beleza, amor e compromiso”, dedicada á súa vida e obra, e á palestra “Unha viaxe pola poesía íntima de Manuel María”. Comentou Marisa que con este acto, o IESCHA quería poñer en valor, unha vez máis, a figura de Manuel María, insistindo ao mesmo tempo na importancia e na necesidade de que o seu nome poida quedar ligado para sempre a esta Casa da Cultura. A presidenta aproveitou tamén a ocasión para exixir ao gobernó galego e demais institucións o seu compromiso na defensa da nosa lingua, pois o apoio das mesmas é imprescindible para evitar que o galego sucumba. 

O acto contou coa presenza de Alberte Ansede, amigo de Manuel María e presidente da súa Fundación, a quen Marisa presentou, agradecéndolle o seu compromiso e apoio. 

Alberte Ansede empezou mostrando o seu agradecemento ao IESCHA por manter viva a memoria do poeta na súa programación e expresou a esperanza de que, algún día, a Casa Cultural leve por fin o nome de Manuel María. 

Na súa detellada e precisa intervención, destacou o valor da obra do escritor, un poeta cuxa paixón pola beleza poética e polo idioma segue sendo vixente hoxe. Así mesmo, percorreu, un a un, os paneis da exposición, explicando detalles sobre os momentos persoais e poéticos que marcaron a vida de Manuel María, delimitándoos e caracterizándoos. A través das súas palabras, poidemos achegarnos á dimensión máis íntima do poeta, o seu amor pola paisaxe e o profundo vínculo coa terra que o veu nacer, sentimento que se reflicte en versos como: 

“Sei dun país que existe e non existe”, Ámote, Outeiro, como non amei a terra algunha”,   “Somentes son terra, ( …) e pídolle que sexa xentil comigo”, “Amade sempre a terra, vosa nai, e cada vez seredes máis humanos.”

Para Alberte Ansede, a poesía de Manuel María é un exemplo de xenialidade e universalidade, e o seu mundo interior resulta unha viaxe poética de profundo autocoñecemento, onde a comprensión e o amor se presentan como os valores esenciais da vida. O conferenciante quixo tamén desterrar dous tópicos inxustos sobre Manuel María: por un lado, a idea de que é un “poeta rural ou local”, e por outro, a visión de Manuel María coma un “poeta panfletario”. Quixo deixar claro que considerar a súa poesía como militante é un falseamento da realidade, e remarcou a universalidade  da obra de Manuel María, capaz de transmitir unha conexión tan profunda coa súa terra que transcende calquera etiqueta.

Tivo lugar tamén un pequeno debate participativo onde as intervencións versaron principalmente sobre o incomprensible que resulta que a Casa da Cultura non leve o nome do escritor chairego, e rematou coa esperanza de que algún día poderá ser.

Finalmente, o acto concluíu cun sincero agradecemento a Alberte Ansede polo seu rigoroso e detallado traballo. E como recordo desta xornada, o IESCHA agasallou aos asistentes cun USB cos vídeos da homenaxe VILALBA, DONA DA CHAIRA realizada na honra a Manuel María, unha fermosa iniciativa para preservar a memoria deste gran poeta galego e continuar mantendo viva a súa voz. Alberte Ansede tamén quixo corresponder e agasallou ao público asistente cunha edición do libro TERRA CHÁ, convidando a todos e todas a visitar a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei.

Ata a próxima!!!

_______________________________________________________________________________

VIDEO RESUME>>>>>https://www.facebook.com/watch?v=1484361852051746

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad